O PP insiste en pedir a cabeza de Villarino, e o PSOE lembra que "gañou as eleccións"

Pola súa banda, o BNG cualifica de "tomadura de pelo" as conversas entre socialistas e populares para formar un Goberno de coalición en Ourense.
Pleno do Concello de Ourense, en marzo de 2020, antes da pandemia (Foto: Europa Press).
photo_camera Pleno do Concello de Ourense, en marzo de 2020, antes da pandemia (Foto: Europa Press).

O futuro político do Concello de Ourense fica aínda no ar. O coordinador local do PP, Jesús Vázquez, remitiu este domingo unha carta ao PSdeG-PSOE na que, se ben aseguraba estar disposto a iniciar esta próxima semana "unhas conversas leais" para conformar un Goberno de coalición entre conservadores e socialistas, insistía en que o líder da formación vermella, Rafael Rodríguez Villarino, debería abandonar a corporación municipal e, en consecuencia, tamén a Deputación ourensá.

Ante esta proposta, o vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, acusou ás e os populares de teren un único obxectivo: "Perpetuar o caciquismo dos de Baltar á fronte da Deputación".

"É un escándalo antidemocrático que Feixoo e Baltar queiran expulsar da política a quen gañou as eleccións en Ourense", manifestou Arangüena, crítico con que o PP "non acepte a xenerosidade" de Villarino, quen na pasada segunda feira anunciaba a súa retirada da carreira pola Alcaldía para favorecer o acordo.

Neste senso, o tamén deputado no Parlamento galego salientou que a formación azul está a actuar "como Vox".

"Un alcalde letal", segundo o PSdeG

Para Arangüena, "se alguén ten que dar un paso atrás" é o PP, como "responsábel de colocar un alcalde letal (Gonzalo Pérez Jácome) e de décadas de nepotismo e caciquismo na Deputación".

Aliás, insta os populares a "pediren perdón" polo "dano feito a Ourense" e a pór a súa sinatura na moción de censura contra Jácome: "Do contrario, o PP de Feixoo e Baltar quedará retratado", dixo.

"Jácome é alcalde grazas aos votos do Partido Popular e seguirá mantendo a cidade no caos e a inacción durante os próximos dous anos grazas aos populares", sentenciou o socialista.

"Abonda xa!", di o BNG

Este domingo tamén se manifestou ao respecto o portavoz municipal do BNG, Luís Seara, quen cualificou de "tomadura de pelo" as conversas entre PSdeG e PP: "Abonda xa!".

"Se tivesen verdadeiro interese en buscar un acordo e desbloquear a situación faríano dun día para outro, no canto de estar xogando ao gato e o rato cada semana. O PP puxo a Jácome de alcalde e o PP quere seguir con Jácome. Nunca manexaron outra alternativa distinta. Están arrepentidos de ter marchado do Goberno e agora están a buscar a excusa para voltar", afirmou.

Comentarios