domingo 09/05/21

O PSOE rexeita a "chantaxe do PP" e mantén Villarino como edil e deputado en Ourense

Os populares ourensáns pediran que o portavoz do grupo municipal socialista, Rafael Villarino, -que comunicara a súa decisión de apartarse da candidatura á Alcaldía- deixara todos os cargos públicos a cambio de asinar a moción de censura para substituír a Gonzalo Pérez Jácome á fronte do Executivo de Ourense.

Rafael Villarino conservará a acta de edil en Ourense. (Foto: PSOE)
Rafael Villarino conservará a acta de edil en Ourense. (Foto: PSOE)

A xestora do PSOE en Ourense vén de confirmar que non atenderá á “chantaxe inadmisíbel” do Partido Popular e manterá ao portavoz do grupo municipal socialista, Rafael Villarino, como concelleiro e deputado.

De esta forma, e a través dun comunicado, rexeitou a proposta que puxo sobre a mesa o PP para comezar a negociar a sinatura dunha moción de censura para apear da Alcaldía a Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá) após meses de crise de xestión na terceira cidade galega en termos de poboación.

A condición que puxo o que fora rexedor e actual coordinador local dos populares, Jesús Vázquez, era a saída de Villarino de todos os cargos públicos. Isto despois de que o político anunciara que non optaría a dirixir o Goberno local malia encabezar a lista máis votada para facilitar un acordo.

Porén, a xestora considerou que “con estas exixencias o PP demostra a súa falta de respecto e conculcación do lexítimo dereito de representación política”.

"Desterro" para o socialista

Desde o seu punto de vista é tempo de condenar “o intento” de “desterrar e aniquilar politicamente a Villarino”. En consecuencia, tamén afectaría a todas e todos os socialistas "que non comulgan coas ideas e prácticas antidemocráticas dos dirixentes populares de Ourense".

"Queda demostrado que o Partido Popular de Ourense non quere cambiar o destino da terceira cidade de Galicia mediante a súa negativa para asinar dita moción", subliñou o organismo.

Pola súa banda, o Partido Popular cargou novamente contra a suposta “indignidade” do voceiro local do PSOE após "as súas graves e infundadas acusacións" contra o ex concelleiro de Urbanismo, José Cudeiro, durante a comisión de investigación sobre o edificio de San Lázaro.

A xuízo do PP, isto amosa “o peor da política de Villarino".

comentarios