O PP rexeita as 1.187 emendas da oposición aos orzamentos da Xunta

O portavoz na Cámara galega do grupo popular, Pedro Pui, afirmara na semana pasada que as emendas do BNG e do PSdeG “non respectan a lexislación básica e son idénticas ás presentadas outras veces”. 
Unha sesión da comisión no Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press).
photo_camera Unha sesión da comisión no Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press).

O proxecto de Orzamentos da Xunta para 2023 chegará á súa votación en pleno a vindeira semana idéntico a como entrou no Parlamento a finais do pasado mes de outubro.

As semanas transcorridas desde entón e até esta segunda feira—día de elaboración do ditame após xornadas de debate en comisión— de pouco serviron ao BNG e o PSdeG para facer valer as súas propostas. O PP non admitiu ningunha das 1.187 emendas presentadas ao estado de gastos dos presupostos —564 da formación nacionalista e 623 da socialista—.  O propio Partido Popular xa advertira estes días que non estaba por asumir esas achegas. 

O portavoz na Cámara galega do grupo popular, Pedro Pui, afirmara na semana pasada que as emendas do BNG e do PSdeG “non respectan a lexislación básica e son idénticas ás presentadas outras veces”. 

Así pois, ningunha das máis de medio milleiro de emendas presentadas polo BNG ao estado de gastos do orzamento para 2023 foi aprobada. Igual sorte correron as impulsadas polo PSdeG: cero aprobadas. Tan só foron adiante tres emendas do PSdeG ao articulado das contas, unha delas transaccionada. 

Lei de acompañamento

Pola súa parte, na lei de acompañamento aprobáronse 34 emendas: 27 do PP, dúas do PSdeG e cinco transaccionadas.

A primeira das transaccións realizouse co BNG, sobre as fundacións biomédicas ou sanitarias, para que o seu persoal teña condición de empregado público de saúde.

As outras dúas, correspondentes ao PSdeG, teñen a ver, unha coa lei de emprego público, para que non sexa tido en conta o período de proba a efectos por exemplo de suspensión de contrato no persoal laboral e funcionarios que acrediten discapacidade intelectual.

A outra  refírese ao ámbito eólico, para que se considere iniciativa empresarial prioritaria aquel proxecto con impacto no territorio durante "toda a vida útil" do parque, de modo que destinen 2,5% dos beneficios aos concellos onde se implanten.

Comentarios