A Xunta da Galiza deixou sen executar 9.624 millóns de euros entre 2010 e 2020

A Xunta deixou sen investir 9.624 millóns de euros entre 2010 e 2020. As consecuencias da referida xestión orzamentaria xeraron unhas perdas de impulso na actividade económica nese período de 15.925 millóns de euros. Só en 2020 destinou 25,7% do total do presuposto a amortizar débeda.

grafico-web
photo_camera Xestión orzamentaria da Xunta no periodo 2010-2020 desde a perspectiva dos gastos totais. (Táboa: Nós Diario)

Os datos da liquidación definitiva dos orzamentos galegos para as anualidades de 2010 a 2020, fornecidos polo Ministerio de Facenda e da Función Pública, sinalan que a Xunta da Galiza deixou sen investir nese período 9.624 millóns de euros.

A este respecto, o economista Xosé Díaz, no seu informe Os orzamentos liquidados galegos 2010-2020, ao que tivo acceso Nós Diario, afirma que “a porcentaxe de execución do gasto total foi de 92,4%, alcanzando 91,8% no caso dos gastos non financeiros e 95,7% no caso dos gastos financeiros".

"En correspondencia co anterior, observamos como no período de 11 anos referidos, a Xunta deixou de executar 9.624 millóns no caso dos gastos totais, dos que 8.848 millóns corresponden aos gastos non financeiros e 777 millóns aos gastos financeiros", recolle o estudo.

O orzamento galego de 2010 recolleu partidas por 10.831 millóns, mais o Goberno galego deixou sen investir 1.450. A anualidade seguinte rexistrou uns resultados moi semellantes, con 1.375 millóns de euros sen executar para un presuposto de 9.658 millóns de euros. Así, en 2012 ficaron sen investir 1.201 millóns de euros para unhas contas de 9.806 millóns de euros e en 2013 890 millóns de euros para uns ingresos de 9.428 millóns de euros.

Após dous exercicios onde o nivel de execución presentou uns mellores resultados, a situación volveu empeorar a partir en 2017, ficando sen investir en 2020, último ano con cifras, 773 millóns de euros para un orzamento total de 11.813 millóns de euros.

Unha porcentaxe moi importante das partidas sen executar corresponden ao denominado gasto de capital, aquel que recolle os investimentos reais e as transferencias de capital. Nesta liña, Díaz destaca que “comprobamos como o nivel de execución, sempre considerando o período reiterado, foi de 78,4%, 59,9% e 69,3% para os investimentos, as transferencias de capital e os gastos de capital respectivamente. En correspondencia, e consecuencia do anterior, podemos comprobar como neses 11 anos, o Goberno galego deixou de executar 2.113 millóns de euros no caso dos investimentos reais, e 3.772 millóns de euros no das transferencias de capital; en conxunto pois, 5.885 millóns de euros para o conxunto dos gastos de capital”.

O impacto económico

As consecuencias do baixo grao de execución orzamentario provoca un impacto negativo no conxunto da actividade económica. Nesta dirección, Díaz, citando os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), apunta que “a perda de impulso na actividade económica galega, como consecuencia da ineficiente xestión orzamentaria por parte da Xunta, alcanzou neste período nada menos que 15.925 millóns de euros (27,2% sobre o PIB a prezos correntes do ano 2020 -fonte IGE-, ou 9,2% superior aos recentemente presentados orzamentos consolidados para o ano 2023), dos que 15.069 millóns de euros hainos que imputar á xestión concreta dos gastos non financeiros e 856 millóns de euros a dos gastos financeiros”.

Díaz destaca que “o que ten a ver coa perda de impulso na actividade económica derivada da negativa e rutineira xestión orzamentaria polo Goberno galego destes gastos de capital elevouse a 3.299 millóns para o caso dos investimentos reais, 4.876 millóns de euros no das transferencias de capital, para totalizar 8.175 millóns de euros, correspondentes ao conxunto dos gastos de capital (51,3% da perda de impulso económico producida polo gasto total, mentres antes vimos que estes gastos de capital, en créditos liquidados, significaban 11,4% dese gasto total)".

Débedas da Xunta da Galiza

Unha contía importante das partidas orzamentarias executadas polo Goberno galego dedicáronse neste período a amortizar débeda bancaria. Así, por exemplo, en 2019 destináronse a este obxectivo 3.107 millóns de euros e en 2020 3.595 millóns de euros, sinalando, a este respecto Xosé Díaz, que "eses créditos liquidados significan 24,6% e 25,7%, nos anos respectivos, sobre o gasto total consolidado deses orzamentos galegos; é dicir, unha cuarta parte deses orzamentos foi dirixida para reembolsar o principal da débeda á banca privada”.

Comentarios