O BNG denuncia o "espolio enerxético" no Monte Treito

A formación nacionalista impulsou un acto reivindicativo no parque eólico de Iberdrola no Monte Treito que afecta os concellos de Lousame, Rois, Dodro e Rianxo.
acto reivindicativo no Parque eólico Monte Treito.
photo_camera Acto reivindicativo no Parque eólico Monte Treito.

O BNG volveu rexeitar hoxe o "modelo eólico depredador do Partido Popular" nun acto reivindicativo no parque eólico Monte Treito, onde estenderon pancartas de denuncia e de convocatoria á manifestación que terá lugar en Compostela contra a crise de prezos e por alternativas mellores ás actuais.

Neste sentido, a formación nacionalista reclamou para a Galiza, outro modelo que reverta en riqueza para os galegos e galegas.

A deputada Rosana Pérez advertiu da proliferación de muíños eólicos nos montes galegos, un aumento, dixo, que pode estenderse ás nosas costas "se non o paramos".

Modelo propio fronte ao "espolio"

O BNG defende un sector enerxético público e galego para que a produción de enerxía se sitúe ao servizo da comunidade, no canto dun modelo que promove a explotación dos recursos propios por parte de empresas foráneas que deixan o territorio desfeito e os traballadores tirados unha vez esgotan o negocio.

No último ano a vida das galegas e galegos incrementou o seu custo nun 11% e a inflación continua desorbitada

Na súa intervención, a deputada nacionalista explicou que no último ano a vida das galegas e galegos incrementou o seu custo "nun 11%" e a inflación continua desorbitada acelerando o  empobrecemento.

No caso concreto da electricidade, dixo, "a suba esta desbocada" e afecta a un gran número de produtos e servizos que precisan desta enerxía.

"Galiza precisa unha tarifa eléctrica galega" que abarate o recibo da luz das familias e das empresas para facelas máis competitivas, reivindicou.

Para o BNG os proxectos eólicos constitúen na Galiza un dos mellores exemplos de "espolio enerxético", xa que están a ser explotados por multinacionais ou empresas españolas que levan fóra os seus beneficios, incluídos os impostos.

Tarifa eléctrica galega

"Galiza nunca xerou tanta enerxía eólica", sinalou, un "espolio" para beneficio doutros "sen que os galegos e galegas teñamos un retorno que compense o impacto social e económico que se está a producir".

 "Consideramos que non estamos ante unha crise, estamos ante un gran roubo do que se están a enriquecer a nosa conta", reiterou Rosana Pérez, de aí a defensa "duha tarifa eléctrica galega que abarate o recibo da nosa luz" e que a "electricidade sexa recoñecida como un ben básico e baixo o control público galego".

Unha proposta que contrapuxo ao "deseño colonial que supón o modelo eólico que pretenden perpetrar no noso país e a Xunta  e Goberno español".

 O acto reivindicativo no Parque eólico Monte Treito concluíu cun chamamento a participar na manifestación nacional convocada polo BNG o vindeiro 18 de decembro baixo o lema "Non é unha crise de prezos, é unha estafa. Hai alternativas!", para reclamar unha saída xusta que evite que "quen menos ten pague as consecuencias desta crise". 

Comentarios