Formoso chama a gañar as municipais “para recuperar a Xunta”

Valentín González Formoso aproveitou a presentación do candidato do PSdeG á Alcaldía de Cambados para reclamar unha maioría socialista nas eleccións locais.

Regades,Fátima Abal, Samuel Lago, Formoso 111222(2)
photo_camera David Regades, Fátima Abal, Samuel Lago e Valentín González Formoso no acto do PSdeG en Cambados. (Foto: Nós Diario)

A campaña das eleccións locais está lanzada. Neste escenario, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso defendeu, hoxe, na presentación do candidato socialista á Alcaldía de Cambados “que o mundo municipal volva ter unha maioría representada polo PSdeG”

Formoso marcou como obxectivo que as locais do próximo ano sirvan de “plataforma para volver gañar as próximas eleccións xerais na Galiza, e por suposto para recuperar a Xunta da Galiza”.

Unha maioría socialista

O responsábel do PSdeG sinalou que “os socialistas representamos á maioría de Galiza, como está a ocorrer agora mesmo” e reclamou a necesidade dunha maioría no “urbano e rural, no interior e na costa”.

O líder socialista puxo ao Salnés como exemplo onde o PSdeG “desprega as mellores prácticas como formación política”. Neste sentido, defendeu aos rexedores socialistas da comarca que “acreditan estar vencellados aos intereses dos veciños e das veciñas por riba dos intereses partidistas”.

Formoso reclamou “a  Xunta da Galiza que dote de servizos mínimos sanitarios a unha comarca moi castigada pola falla de Atención Primaria, precisamente no ámbito sanitario máis apegado á cidadanía”.

O secretario do PSdeG non pasou por alto o problema xerado pola lexislación costeira e instou ao “Ministerio para a Transición Ecolóxica a que respecte os usos tradicionais no dominio público marítimo – terrestre”.

Pontevedra

O dirixente socialista referiuse a renuncia do actual voceiro do PSdeG de Pontevedra a liderar a candidatura das vindeiras locais. A estes respecto, indicou que o novo cabeza de lista socialista, Iván Puentes “vai ter todo o apoio a nivel galego e provincial”.

Formoso apostou por un proxecto para Pontevedra que permita “despegar con voz propia”, con “capacidade de representar á maioría social” e que posibilite que “a cidade non quede á marxe do peso do socialismo no rural e no urbano en toda a provincia”.

Comentarios