Parlamento

Rueda pide agora compensacións polas renovábeis seguindo a estela de Aragón

A solicitude do Goberno de Aragón para obter compensacións pola elevada produción de enerxía renovábel fixo mudar a posición mantida nos últimos anos polo Executivo galego. Seguindo a estela aragonesa, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou onte que a Galiza tamén tería que ter compensacións. O Executivo galego leva anos rexeitando e criticando propostas que van nesa liña, como a dunha tarifa eléctrica galega ou medidas enerxéticas propias. 
Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luis Álvarez (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luis Álvarez (Foto: Parlamento da Galiza).

O debate sobre o modelo eólico foi unha das cuestións que centrou a sesión de control ao presidente galego que onte decorreu na Cámara galega. Ana Pontón, portavoz do BNG, lamentou que o PP e o PSdeG estean a converter o que é "unha grande oportunidade para a Galiza", a eólica, "nunha oportunidade perdida". Criticou a Xunta por un "modelo eólico depredador" ao "servizo das enerxéticas" e que non beneficia nin a cidadanía nin o tecido industrial. A líder da oposición contrapuxo o caso de Aragón, cun Goberno que pide a Madrid compensacións por ser un territorio gran produtor de enerxía renovábel. 

O Partido Popular sempre rexeitou as propostas de pór en marcha unha tarifa propia para a Galiza. Tanto Alberto Núñez Feixoo antes como Alfonso Rueda agora, minusvaloraban as iniciativas que demandaban —fose a través de proposicións non de lei, de mocións ou de iniciativas lexislativas populares— compensacións para a Galiza por ser produtora de enerxía.

Incredulidade

Mais onte Rueda, interpelado pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sobre o paso dado por Aragón, afirmou que a Galiza tamén debía ter dereito a compensacións. "Aragón é a cuarta produtora en enerxía renovábel e a Galiza a segunda", dixo, para a seguir engadir: "Cando pida a Pedro Sánchez que a compensación para Aragón se multiplique por dous para a Galiza, estarán vostedes de acordo?", dixo en referencia ao BNG. Das bancadas da oposición, nacionalistas e socialistas, a pregunta foi acollida con sorrisos e risos, sinal de até que punto nin o BNG nin o PSdeG acreditan en que o presidente galego siga o camiño do mandatario aragonés, Javier Lambán. 

O debate seguiu xirando sobre muíños e aeroxeradores. "Aí está o futuro da Galiza", dixo Rueda, que afirmou que o modelo eólico agora é máis respectuoso que o do Goberno do PSdeG e BNG (2005-2009)cando na eólica había, dixo, "barra libre". Para Pontón, porén, o abrazo en 2009 de Ignacio Galán, presidente de Iberdrola, e Núñez Feixoo ao gañar as eleccións o PP resume o que foron estes anos de política enerxética: "Todo para as eléctricas e nada para os galegos e galegas".

Un modelo que tamén quixo exemplificar na "porta xiratoria" que levou a ex conselleira do Goberno de Feixoo, Beatriz Mato, a conselleira da empresa enerxética Greenalia, "á que o PP lle perdoa 11,7 millóns de euros", o que motivou unha denuncia de Adega perante a Fiscalía". Anunciou a portavoz nacionalista que o BNG reclamará no Parlamento a retirada desa medida que "eximiu" Greenalia do pagamento á facenda galega.

Pola súa parte, Luís Álvarez (PSdeG) interpelou Rueda sobre as medidas que vai adoptar a Xunta, "agora que ten para 2023 o orzamento máis alto da historia" para mellorar a "cohesión social". Unha palabra, 'cohesión', que o presidente non deixou pasar por alto para meter o dedo na chaga da división no grupo socialista polo expediente aberto ao deputado Martín Seco. "Iso foi triste incluso para vostede", reprochoulle Álvarez.

Álvarez dixo que ao longo destes anos "os ricos son máis ricos e os pobres máis pobres", "a clase media diminúe", e aumenta a "desigualdade". Un escenario, proseguiu, que mostra o "desacerto das políticas da Xunta", á que acusou de "xestionar mal", pondo como exemplo que de 200.000 familias que teñen dificultades para facer fronte ao pago do aluguer, o Goberno galego "só axuda 4.000". Para Rueda o panorama é totalmente distinto, considerando que o país está agora "mellor" que cando o PP chegou á Xunta en 2009 e mesmo destacou que a Galiza estea de sexta entre as 17 comunidades en canto a persoas en situación de pobreza. 

Comentarios