O modelo fiscal para a Galiza marca o primeiro debate dos orzamentos de 2023

A Xunta avala baixar impostos e a oposición di que "beneficia os ricos".
collage-web
photo_camera Os titulares de Facenda e Industria, Miguel Corgos e Francisco Conde, foron os primeiros conselleiros en comparece (Foto: Parlamento da Galiza)

Os conselleiros de Facenda e de Economía e Industria, Miguel Corgos e Francisco Conde, foron os encargados de inaugurar na mañá desta cuarta feira o periplo de comparecencias de titulares de departamentos da Xunta da Galiza e organismos autónomos que estes días pasarán polo Parlamento para dar conta nas respectivas comisións dos Orzamentos do Goberno galego para 2023. A teor das comparecencias desta cuarta feira, o Executivo galego está orgulloso do seu proxecto de orzamentos. O conselleiro de Facenda falou de "modelo galego" para se referir a unhas contas que, asegurou, "fan compatíbel baixar impostos e reforzar servizos públicos". 

Corgos mesmo entrou a defender a bonificación do imposto de Patrimonio—na comparecencia do presidente, Alfonso Rueda, após o Consello do 18 deste mes que aprobou os orzamentos, nin se mencionara— e fíxoo afirmando que este imposto "lastra" o crecemento económico. "Queremos que os grandes patrimonios queden aquí e non fuxan a territorios con menos impostos, como Portugal", engadiu. 

Unhas explicacións que tanto o BNG como o PSdeG lle reprocharon. "Dan un pelotazo fiscal e afondan na regresividade", advertiu a deputada nacionalista Noa Presas. "Con vostedes os que máis teñen aforran 4.500 euros mentres a gran maioría, con rendas de menos de 30.000 euros, aforran 40", manifestou Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG).

O conselleiro de Facenda volveu reiterar que esas contas públicas "son as máis altas da historia da Galiza", con 12.630 millóns de euros. Noa Presas puxo en solfa eses datos e instou o representante da Xunta a "ter en conta a inflación e suba do custo da vida de todos estes anos", e que  mostrarían, dixo, que no orzamento para 2023 hai "conxelacións e recortes encubertos". Para Rodríguez Rumbo, pola súa parte, estes presupostos "non son os necesarios para que ninguén fique atrás" e acusou o Goberno galego de non saber aproveitar o aumento de recursos económicos recibidos do Goberno estatal. 

Pedro Pui (PP) salientou que a Xunta presenta unhas "contas saneadas" e defendeu as bonificacións para reducir o que as fortunas pagan en imposto de patrimonio: "Ese imposto só existe en España".

Corgos insistiu en que estas contas públicas son as que van dar á Galiza "o impulso que precisa". Non convenceu a oposición. O BNG lamenta uns orzamentos que Presas cualificou esta cuarta feira de "insolventes, ineficaces e insolidarios" e que van deixar unha "Galiza peor". O PSdeG di xo que "non son a resposta que necesita este país".

Política económica

Francisco Conde, conselleiro de Industria, informou na súa comparecencia de que a Vicepresidencia Primeira da Consellaría de Economía e Industria disporá en 2023 dun total de 524 millóns de euros, "12% máis que en 2022", e que o "pulo ás renovábeis" e a aposta polo "autoconsumo" van ser dous dos eixos do seu departamento para o vindeiro ano.  

Ramón Fernández (BNG) lamentou que o Goberno galego "renuncie a actuar" en materia económica e industrial, salientando que en eidos como I+D+i os orzamentos fican "moi curtos". Gonzalo Caballero (PSdeG) criticou que o aumento de gasto nos orzamentos  non ten detrás "ningún modelo económico".

Comentarios