Parlamento

PP e PSdeG votan a favor de renovar o consello da CRTVG mentres o BNG critica a falta de "compromisos"

A votación saíu adiante con 56 votos a favor e 19 en branco.
Mesa da Presidencia do Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mesa da Presidencia do Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

O Partido Popular (PP) e o Partido Socialista da Galiza (PSdeG) veñen de votar a favor da renovación das dúas vacantes existentes no consello de administración da Corporación de Radio Televisión da Galiza (CRTVG), nunha moción na que o Bloque Nacionalista Galego (BNG) optou por votar en branco, e na que as tres formacións cruzaron reproches de maneira continuada.

Desta maneira, os candidatos do PP Margarita López Blanco e Álvaro Alonso Filgueira foron escollidos como novos integrantes do consello do ente público de comunicación, nunha votación saldada con 56 votos a favor e 19 en branco.

O BNG supeditara o seu voto positivo aos dous nomeamentos a unha mostra de "compromiso" por parte da Xunta á hora de mellorar a situación da CRTVG. Entre os "sinais" que agardaba a segunda forza parlamentaria atopábase que o Goberno galego renovase o consello de informativos do medio, así como a actual dirección, encabezada por Alfonso Sánchez Izquierdo desde 2009.

Pola súa parte, os socialistas xustificaron o seu voto a prol das candidaturas dos populares galegos apelando a que os "compromisos" exixidos polo Bloque poden alcanzarse nun contexto diferente ao da votación para a renovación do consello.

Aliás, os socialistas falaron de "manipulación" na compañía pública e pediron que "ninguén dubide" do seu "compromiso" co ente público. A isto, a deputada do BNG, María González Albert, recriminou que os compromisos téñense cando hai ocasión de "votar".

O PP minimiza a condena á CRTVG

Na súa intervención, a deputada do PP Raquel Arias minimizou as críticas expostas polo BNG ante a situación na CRTVG, como a sentenza que condena o ente por "vulnerar" os dereitos laborais dun membro do cadro de persoal.

Para Arias, esta condena non é suficiente para que a formación nacionalista non vote a favor de renovar as vacantes no consello de administración do ente público de comunicación, e cualificou de "moi grave" o voto en branco dos deputados e deputadas do Bloque.

Comentarios