Sairá adiante a renovación de integrantes do consello de administración da CRTVG?

Os criterios parlamentarios para a renovación do organismo obrigan o PP a construír unha maioría con deputados do BNG e do PSdeG que lle permita confirmar a o nomeamento das súas candidaturas propostas.
Redacción da CRTVG en San Marcos. (Foto: CRTVG)
photo_camera Redacción da CRTVG en San Marcos. (Foto: CRTVG)

A dimisión de dous integrantes do actual consello de administración da Corporación de Radio Televisión da Galiza (CRTVG), puxo en funcionamento os mecanismos precisos para levar a cabo a renovación destes dous postos.

A pasada semana, os candidatos propostos polo PP, Margarita López Blanco e Álvaro Alonso Filgueira, pasaron o primeiro trámite no Parlamento galego, ao dar conta da súa idoneidade ante a cámara lexislativa galega.

Agora, o seguinte paso para que o seu nomeamento sexa efectivo é que a xunta de portavoces parlamentarios desta terza feira debata e acepte incluír a votación de ambas candidaturas no pleno ordinario da vindeira semana.

Nesa sesión parlamentaria, a renovación dos cargos terá que ser aprobada por maioría reforzada de 50 votos en primeira volta ou de 45 en segunda.

Negociacións entre partidos

Co actual reparto de deputados (PP ten 42, BNG, 19; e PSdeG, 15) os populares non contan coa maioría suficiente como para sacar adiante o nomeamento das súas propostas, polo que deberá negociar con nacionalistas e socialistas para poder consumar a renovación de conselleiros da CRTVG.

Polo de agora, o BNG xa trasladou que non apoiará os nomeamentos de López Blanco e Alonso Filgueira a non ser que a Xunta tome medidas como a renovación da dirección xeral da CRTVG, que ocupa Alfonso Sánchez Izquierdo desde 2009 e que xa está extinguida.

O Bloque tamén demanda que se aprobe o estatuto profesional da CRTVG e a creación dun consello de informativos. A Executiva do BNG, segundo fontes nacionalistas consultadas por Europa Press, acordou supeditar o apoio do grupo parlamentario a que haxa unha "intención clara" de desenvolver a normativa vixente que regula o ente público de comunicación.

Pese a isto, o PP só precisa dos votos a favor de 8 ou tres deputados de BNG e PSdeG para sacar adiante a votación. Ese mesmo día tamén se votará a renovación de dous integrantes do Consello de Contas, un popular e outro socialista.

Comentarios