O BNG desmárcase do acordo PSdeG-PP para renovar os consellos de CRTVG e Contas por "falta de transparencia"

O Bloque aduce que "non pode" apoiar unha renovación no ente público "se non vai acompañada dos mecanismos" para garantir a súa "pluralidade" e "compromiso coa ética xornalística".
Sede central da CRTVG en San Marcos (Santiago de Compostela) #tv #televisión #radio #crtvg #tvg #radiogalega #xornalismo (Foto: Nós Diario)
photo_camera PSdeG e PP pactan a entrada no consello de administración da CRTVG de Margarita López Blanco e Álvaro Alonso. (Foto: Nós Diario)

O BNG desmarcouse esta terza feira do acordo subscrito entre os grupos parlamentarios de PP e PSdeG para renovar os consellos de administración da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) e máis do Consello de Contas, que se debaterá na próxima sesión do Parlamento.

Con todo, o rexeitamento da segunda forza na Cámara galega non impedirá que a proposta para os nomeamentos salga adiante, xa que populares e socialistas suman os escanos precisos para alcanzar a maioría cualificada requirida.

A postura do Bloque foi enunciada polo deputado Manuel Lourenzo nas roldas de prensa posteriores á reunión da xunta de portavoces, que configurou a orde do día da próxima sesión plenaria, a última antes do parón estival.

Nela será sometida a votación a proposta subscrita entre PP e PSdeG para renovar dous asentos do consello de administración da CRTVGMargarita López Blanco e Álvaro Alonso, ambos os cargos a proposta dos populares— e outras dúas vacantes no Consello de Contas por esgotamento de mandato —repiten Costantino Carreiras polo PP e Simón Rego polo PSdeG—.

Segundo o parlamentario nacionalista, a CRTVG "non cumpre coa lei" na actualidade, polo que o Bloque "non pode" apoiar unha renovación no ente público "se non vai acompañada dos mecanismos" para garantir a súa "pluralidade" e "compromiso coa ética xornalística". Neste senso, lamentou que os socialistas desen o seu apoio aos populares e incidiu en que a "obriga moral" da formación frontista é dicir 'non' a esta proposición.

O PP defende que a situación da CRTVG é hoxe "a mesma que hai un ano"

En resposta, o viceportavoz do PP na Cámara Alberto Pazos Couñago subliñou que a situación na CRTVG é hoxe "a mesma que a que había fai un ano", cando o BNG si votou a favor da proposta de consello de administración que incluía un nome á súa elección.

Así, considerou que "ruboriza escoitar" o BNG "falando da súa vontade de chegar a acordos". "Esta é a vontade de man tendida do BNG, [unha forza política] incompatíbel coa lealdade institucional", espetou Pazos.

Comentarios