Posíbel pacto PSOE-Feixoo para a renovación do CXPX coas condicións traballadas por Pablo Casado

Os socialistas piden ao aínda presidente da Xunta que demostre un xiro ao centro do PP.
Encontro entre Alberto Núñez Feixoo e Pedro Sánchez o pasado 29 de xaneiro de 2021. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Encontro entre Alberto Núñez Feixoo e Pedro Sánchez o pasado 29 de xaneiro de 2021. (Foto: Nós Diario)

O Partido Socialista (PSOE) deixa entrever nesta segunda feira que a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) está en mans do novo líder do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo. Os socialistas lembran que xa está "todo o camiño feito", en referencia as condicións acordadas polo anterior presidente do PP, Pablo Casado, durante o outono de 2021.

Deste xeito, o PSOE afirma que lle corresponde a Feixoo decidir se lle resulta válida a negociación que se fixo nese momento. A proposta dun acordo para a renovación do CXPX, que leva máis de tres anos caducado, chega apenas 72 horas antes de que Feixoo manteña a súa primeira reunión como líder da oposición co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez.

Por outra banda, as mesmas fontes socialistas puxeron en dúbida o carácter moderado e a favor de chegar a acordos do aínda presidente da Xunta, e afirman que aínda "está por ver" que sexa así.

No PSOE indican que se trata dunha imaxe "que moitos queren vender", entre eles varios cargos e dirixentes autonómicos socialistas que contrapuxeron a figura de Feixoo coa da presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.  

Demostrar un xiro ao centro

Segundo a parte socialista do Goberno español, o novo presidente dos populares debe demostrar un xiro ao centro do partido, algo que non pasa polo acordo de Goberno con Vox en Castela e León, segundo fontes da Moncloa.

Este domingo Feijóo mostrouse disposto a chegar a grandes acordos con Sánchez en cuestións "importantes" para o Estado español e asegurou que o PP ten a "obriga de escoitar e responder" ás propostas que lle fan.

Feijóo expresouse así tras ser elixido novo presidente do PP no Congreso extraordinario celebrado en Sevilla. Porén, matizou que, segundo el, acordar "pactos europeístas, atlantistas e constitucionais non é doado" co Goberno de PSOE e Unidos Podemos.

Neste sentido, Goberno de Sánchez  agarda tamén as propostas que Feixoo poña enriba da mesa durante a reunión desta quinta feira.

Comentarios