A oposición carga contra un Feixoo "ausente" e "instalado na propaganda"

PSOE e BNG concordan nas críticas ao aínda presidente da Xunta mentres o PP defende o seu traballo ante a crise
Alberto Núñez Feixoo sostén un cartaz cos rostros de Martínez-Almeida e Díaz Ayuso, un "tándem electoral infalíbel", dixo (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo sostén un cartaz cos rostros de Martínez-Almeida e Díaz Ayuso, un "tándem electoral infalíbel", dixo (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).

A oposición criticou hoxe que Alberto Núñez Feixoo se atope "absolutamente ausente" das súas funcións como presidente da Xunta da Galiza e que estea "instalado na propaganda e no fume, no canto de dar solucións aos problemas dos galegos". Mentres, o PP defendeu que o dirixente popular ten o "máximo interese" en sacar adiante a crise.

O portavoz do PSdeG no Parlamento, Luís Álvarez, censurou que a menos dunha semana de que Nuñéz Feixoo asuma as rendas do PP estatal no congreso de Sevilla, se atope "absolutamente ausente" e que renunciase ao seu papel de presidente da Xunta nun goberno que "se pon de perfil" ante "unha das peores situacións na historia da autonomía".

Por iso, pediu ao titular do Goberno autonómico que deixe de actuar de "forma interina", poña ao seu Executivo a traballar e deixe de trasladar á opinión pública medidas que "non van solucionar os problemas da Galiza".

"Non sabemos se Feixoo despacha co seu Goberno, se están preocupados polos problemas dos galegos ou preocupados por saber se van continuar no Executivo unha vez que o presidente marche", reafirmou.

Ademais, insistiu en reclamarlle a Núñez Feixoo que "non utilice a Xunta como instrumento alternativo" para chegar ao Congreso ou ao Senado, onde "aínda non está".

Institución e partido

Neste sentido, o portavoz do PPdeG, Pedro Puy, reprochoulle aos socialistas que os populares nunca sinalaron que o presidente da Deputación da Coruña e tamén secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, utilice o seu cargo institucional para darse a coñecer como candidato á Presidencia da Xunta.

Puy asegurou que supón que Formoso "sabe distinguir perfectamente cal é a súa función como secretario xeral e como presidente da Deputación", polo que considera que o líder dos socialistas galegos sabe que Feixoo distingue tamén unha cousa da outra.

En todo caso, o portavoz popular manifestou que o que máis lle molesta ao PSOE é ver "o contraste" dun Goberno presidido por Feixoo "que toma decisións inmediatas" cando se produce unha crise, mentres Pedro Sánchez "viaxa a Europa e fracasa".

"Propaganda e fume"

Pola súa banda, a líder do BNG, Ana Pontón, criticou que Alberto Núñez Feixoo se despida da Galiza con "propaganda e fume", no canto de darlle solucións aos galegos.

Pontón lamentou, en declaracións aos medios, que a Xunta leve "días de moitos anuncios", pero que ningún deles se concretase até o momento no Diario Oficial de Galicia e ningún cidadán se puidese beneficiar das axudas anunciadas.

Neste sentido, reprochou que "aínda que pareza que non", na Galiza hai un goberno que ten competencias en materia de industria, de agricultura ou comercio, "elementos fundamentais" para poder afrontar esta situación. "Necesítase máis que propaganda para saír da crise", concluíu.

Comentarios