A sucesión de Núñez Feixoo entra nunha "nova fase", afirma Rueda

O presidente da Xunta reunirase esta cuarta feira co rei Felipe VI no Palacio da Zarzuela e ao día seguinte con Pedro Sánchez na Moncloa.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Isabel Infantes/Europa Press)
photo_camera O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Isabel Infantes/Europa Press)

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que "a partir desta semana" empezarase "a falar" dos cambios que se poidan producir no Goberno galego derivados de futura marcha do presidente, Alberto Núñez Feixoo, a Madrid despois de ser elixido líder do PP.

A preguntas do colectivo de xornalistas que o acompañou nun acto no concello do Pino, na comarca de Arzúa, sobre a data na que se prevé que Núñez Feixoo deixe a Presidencia da Xunta e sobre a súa posíbel substitución, Rueda sinalou que se está a cumprir "exactamente o que dixemos que ía suceder, que até esta fin de semana, que foi o congreso en Sevilla, había que ver como quedaba o partido e a nova directiva e que, a partir desta semana, empezaremos a falar dos cambios que se poidan producir".

Nova fase

Todo iso, indicou, "sen deixar en ningún momento de xestionar, que é o que lle interesa á xente de verdade, xestionar os asuntos públicos desde o Goberno da Xunta".

O vicepresidente da Xunta apuntou o inicio dunha nova fase tras o congreso extraordinario do PP desta fin de semana en Sevilla e referiuse ás afirmacións nas que Feixoo situou no mes de abril o inicio da súa substitución á fronte do Goberno galego.

En concreto, o aínda presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, sinalou a mediados de marzo que sería "a partir de abril" cando tomaría a decisión de dimitir do seu cargo institucional, tendo en conta que os Estatutos do partido forzárono a renunciar como líder do PP galego para ser ratificado como presidente estatal do Partido Popular.

"Previsibilidade"

A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, apelou hoxe á "previsibilidade e á responsabilidade" para designar ao sucesor de  Núñez Feixoo á fronte da Xunta.

Neste sentido Candia mostrouse convencida de que a sucesión será "ordenada, responsábel e á altura das circunstancias".

"Os galegos esperan de nós que tomemos as mellores decisións con acerto e antepoñendo os intereses xerais, moi especialmente nun momento económico tan complicado", manifestou.

Axenda en Madrid

Mentres, a axenda do xefe do Executivo galego segue centrada en Madrid. O Consello da Xunta que se habitualmente ten cada quinta feira decorrerá a sexta, esta semana.

O rei Felipe VI recibirá por primeira vez en audiencia a Feixoo como líder do PP esta cuarta feira ás 17 horas. Ao día seguinte encontrarase con Pedro Sánchez na Moncloa.

Comentarios