O Consello Xeral do Poder Xudicial continuará co mandato caducado

PP e Goberno pactan renovar as altas institucións

O Goberno do Estado e o Partido Popular veñen de acadar un acordo para renovar o Tribunal Constitucional, o Tribunal de Contas, o Defensor do Pobo e a Axencia de Protección de Dados. Os novos nomeamentos pactados vanse formalizar nunha sesión plenaria do Congreso e do Senado prevista para o 25 de outubro

1,1
photo_camera Pablo Casado e Pedro Sánchez nun encontro en Moncloa. (Foto: Goberno de España)

O Goberno do Estado e o Partido Popular veñen de acadar un acordo para renovar o Tribunal Constitucional, o Tribunal de Contas, o Defensor do Pobo e a Axencia de Protección de Dados. Os novos nomeamentos pactados vanse formalizar nunha sesión plenaria do Congreso e do Senado prevista para o 25 de outubro. Fican fóra do pacto os cambios pendentes no Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) cuxo mandato ten rematado hai tres anos.

A decisión de renovar estas tres institucións apurouse após unha proposta neste sentido lanzada polo presidente do PP, Pablo Casado ao xefe do Goberno, Pedro Sánchez nunha sesión de control parlamentario celebrada na cuarta feira no Congreso. Malia que nun primeiro momento, PSOE e Podemos tentaron que o CXPX entrara no paquete, a negativa dos populares levou aos socialistas a retirar a proposta. Pola súa banda, o PP aceptou a incorporación da formación morada ao acordo, un aspecto que en anteriores ocasións rexeitou, polo que persoas propostas por este partido incorporaranse a estes órganos.

A renovación do Tribunal Constitucional (TC) só afecta a catro membros polo que a maioría conservadora fica garantida. Concretamente vaise proceder ao cambio de Juan José González Rivas, Encarnación Roca e Andres Ollero, os tres co mandato caducado, e de Fernando Valdés, dimitido tras verse implicado nun caso de violencia de xénero.

A saída do actual presidente, Juan José González Rivas, proposto no seu momento polo Partido Popular, viña a ser reclamado nos últimos meses desde as filas populares, por terse desmarcado nos últimos meses en varias votacións do bloque conservador.

Os novos membros do TC

Os nomes dos seus substitutos aínda non se teñen feito públicos pero van tomando forma algunhas propostas. Así, desde as filas socialistas e de Unidas Podemos gañan peso o catedrático de Penal da Universidade de Valencia, José Luis González Cussac e o maxistrado do Contencioso do Tribunal Supremo, Pablo Lucas. Pola súa banda, desde o Partido Popular aparecen con posibilidades o catedrático de Constitucional da Universidade Rey Juan Carlos, Enrique Arnaldo e o catedrático de Procesual, Nicolás González-Cuéllar.

Goberno e PP néganse a confirmar os nomes dos novos membros do TC e limítanse a sinalar que “as persoas que formarán parte destes órganos na nova etapa serán de recoñecido prestixio e de consenso e daranse a coñecer nos próximos días”. Neste sentido, o ministro da Presidencia, Félix Bolaños ten afirmado que o acordo é posíbel polo “cambio de posición do PP no día de onte” e destaca telo fechado en “menos de 24 horas” por “todo traballo que fixemos en febreiro”.

O órgano máis poderoso de todos, o Consello Xeral do Poder Xudicial vai continuar co mandato caducado. A respecto da institución de Goberno dos xuíces, os populares reclaman unha mudanza no sistema de elección mentres os socialistas defenden a continuidade do sistema actual.

Neste sentido, desde o PP apostan por deixar a súa conformación en mans dos membros da carreira xudicial porén os socialistas consideran que isto implica garantir permanente unha maioría conservadora e que as competencias do CXPX son diferentes das institucións análogas en Europa.

Comentarios