EXCLUSIVA DE 'NÓS DIARIO'

A Xunta contratou sen publicidade co cofundador dunha empresa dos Ayuso

Consultada por Nós Diario, a Consellaría de Sanidade non informa de quen actuou como intermediario para a compra nin de como se asinou a adxudicación, pois o documento de resolución non figura na web da plataforma de contratación. Nas ducias de contratos de emerxencia do Sergas naquel período non figura este documento, só se pode descargar un arquivo de texto que está baleiro.
Feixoo e Ayuso, nun encontro de persoas afiliadas ao PP en Madrid, o pasado 15 de marzo. (Foto: lberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Feixoo e Ayuso, nun encontro de persoas afiliadas ao PP en Madrid, o pasado 15 de marzo. (Foto: lberto Ortega / Europa Press)

A Consellaría de Sanidade adxudicou 298.265 euros a Proyectos Hospitalarios Internacional S.A. (Prhoinsa) mediante un procedemento con negociación sen publicidade. Prhoinsa ten por administrador único Juan Carloso Herrero Casasola, segundo o Rexistro Mercantil. Este empresario foi cofundador de Sismédica SL, segundo desvelara Infolibre. Esta é compañía da que Isabel Díaz Ayuso manifesta ter o 50% na súa última declaración de bens patrimoniais na Asemblea de Madrid. O administrador único de Sismédica é Tomás Díaz Ayuso, o irmán da política e intermediador dos contratos supostamente irregulares que acabaron, por tratar de investigalos, coa carreira de Pablo Casado.

Esta non é a única relación de Casasola cos Ayuso. Este empresario posúe outra empresa, MC Infortécnica SL, coa nai da presidenta autonómica, según datos do Registro Mercantil aos que tivo acceso Nós Diario. Casado caeu por, supostamente, espiar a Ayuso ao fío das presuntas comisións irregulares en contratos de subministros sanitarios adxudicados a dedo pola Comunidade de Madrid a empresas das que cobraba comisións o irmán.

Ao igual que Madrid, a Xunta da Galiza tamén comprou material sanitario a unha empresa vinculada aos Ayuso no inicio da pandemia. En abril de 2020 adxudicou a “contratación de emerxencia de monitores de parámetros fisiolóxicos” a Prhoinsa. Fíxoo mediante o procedemento “con negociación sen publicidade”, recolle a Plataforma de Contratación da Xunta. Dada a urxencia pola Covid, daquela as administracións podían comprar material directamente sen sacar concurso. Este foi o procedemento dos contratos investigados en Madrid e tamén o procedemento da compra na Galiza.

Opacidade

Que cargo do Sergas asinou a adxudicación? A cidadanía non pode comprobalo, pois o documento da resolución non figura na web da plataforma. Isto é inusual. Nos outros miles de contratos que a Xunta publica na plataforma si se pode descargar a resolución, que inclúe a sinatura do responsábel administrativo. Nas ducias de contratos de emerxencia do Sergas naquel período non figura este documento, só se pode descargar un arquivo de texto que está baleiro.

Nós Diario consultou á Consellaría de Sanidade o motivo desta excepcionalidade. Tamén quen negociou por parte de Prhoinsa e por parte da Xunta. A Administración, a través do Gabinete de prensa da citada área, informa de que “este expediente foi publicado na sesión do Consello da Xunta da Galiza correspondente á reunión do 8 de abril de 2020, onde o conselleiro deu conta, en atención ao disposto no artigo 120 da Lei 9/2017 do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, da Declaración de emerxencia para contratación da subministración deste equipamento”. Mais evita responder que persoa da Consellaría asinou a adxudicación, quen negociou por parte da Xunta da Galiza e quen por parte da citada empresa.

O Sergas xa contratara con Prhoinsa antes da pandemia, en 2017. De feito, a Consellaría de Sanidade respondeu a Nós Diario que “forma parte das principais empresas que subministran monitores de parámetros fisiolóxicos avanzados". Aquelas adxudicacións foron mediante concurso aberto, non a dedo como esta, aínda que Sanidade, na súa resposta a este medio, refírese a “expediente de emerxencia, tal como dispón o artigo 120 da Lei de Contratos do Sector Público”.

MC Infortécnica, a empresa copropiedade de Casasola e a nai dos Ayuso, é a firma que recibiu da Comunidade de Madrid 400.000 euros, que en parte non devolveu, o que o seu día se coñeceu como caso Avalmadrid. A Xustiza investigou daquela pero arquivou o caso. A Fiscalía tamén pediu o arquivo de parte da investigación sobre as comisións que cobrou Tomás Díaz Ayuso pola ventas á Comunidade, pero a Fiscalía europea teima en reabrir as indagacións.

Esas comisións, recoñecidas pola presidenta, desataron un terremoto na vida interna do PP. Desde o primeiro momento, o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feixoo tomou partido polo bando de Ayuso. O intento de investigalas acabou co líder do PP Pablo Casado defenestrado e con Feixoo como inminente novo líder do PP estatal, co apoio de Ayuso.

Comentarios