Pontón exixe a Rueda aclarar o "desastre na sanidade"

A portavoz nacionalista solicitará unha comparecencia urxente do presidente da Xunta en relación á situación sanitaria. Adiantouno en Soutomaior durante unha visita na que demandou promocionar as adegas. 
Ana Pontón co edil Diego Moreira e o adegueiro Simón Barcia (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón co edil Diego Moreira e o adegueiro Simón Barcia (Foto: Nós Diario).

O BNG solicitará a comparecencia urxente do presidente da Xunta no Parlamento para que dea conta do “desastre que está poñendo en marcha na sanidade pública”, segundo adiantou a súa portavoz nacional, Ana Pontón esta sexta feira desde Soutomaior onde mantivo un encontro con produtores vitivinícolas.  

A líder nacionalista preguntouse “se hai alguén á fronte do Goberno da Xunta” e entende que “está claro que non á vista de que este Goberno vai de ocorrencia en ocorrencia  pondo en risco a saúde dos galegos e das galegas”.

Pontón denunciou que as últimas medidas anunciadas polo Executivo do PP, como atender as urxencias nos PACs empregando telepantallas ou substituír persoal médico por persoal de enfermaría son “unha nova chapuza” e incidiu en que o Goberno do PP “leva trece anos traballando para demoler a sanidade pública”. 

Para o BNG, a situación exixe que Rueda teña “que dar a cara e temos que parar o deterioro do noso sistema público de saúde da man dun PP que, cada vez, dá un paso máis, agora coa proposta de PACs sen persoal facultativo.

Queremos que as urxencias se atendan presencialmente e queremos PACs nos que os médicos e médicas exerzan como tales e os enfermeiros e enfermeiras, tamén”. A líder do Bloque volve reclamar ao presidente da Xunta “que deixe de pór en risco a saúde e a vida dos galegos e das galegas e que dea un xiro de 180 graos na súa política de acoso á sanidade pública, porque coa saúde da xente non se xoga”. 

Reforzar a promoción das adegas de Soutomaior

Pontón desprazouse á subzona vitivinícola de Soutomaior da denominación Rías Baixas para coñecer de primeira man a que definiu como “excelente calidade” dos viños desta subzona, para a que reclamou unha maior visibilidade, dado o seu importante papel no desenvolvemento económico do concello e de toda a comarca.

Logo dun encontro con produtores da zona, Pontón salientou as “características singulares” da produción vitivinícola dunha subzona que, sendo de pequeno tamaño, exporta a moitos países do mundo.Neste sentido,  a lider nacionalista recalcou a necesidade de incrementar o apoio a un sector que considerou "chave na Galiza" polo que aporta en termos económicos e de creación de emprego.

Comentarios