Pontón cualifica de "decepcionante" a cimeira hispano-portuguesa e afea a Rueda a súa "falta de peso político"

A portavzo nacional do BNG sinalou que debería concretarse a conexión ferroviaria Vigo-Porto e a súa operatividade para o ano 2030.
Ana Pontón en rolda de prensa. (Foto: BNG).
photo_camera Ana Pontón en rolda de prensa. (Foto: BNG).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de "decepcionante para Galiza" a cimeira hispano-portuguesa decorrida esta sexta feira no municipio luso de Viana do Castelo, onde considera que se deixou de lado unha infraestrutura "estratéxica para o futuro da Galiza", a conexión ferroviaria de alta velocidade Vigo-Porto. A este respecto afeou tamén ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a súa "falta de peso político".

A necesidade de "vontade política"

Pontón sinalou que debería concretarse a conexión Vigo-Porto e a súa operatividade para o ano 2030 e "o único que anunciou Pedro Sánchez, e porque se lle preguntou, é que se vai a facer un estudo". "Xa levamos cinco estudos e catro millóns de euros investidos. O que se necesita é vontade política e un compromiso claro" cunha liña, defendeu que incidiría nunha "vía estratéxica para o país".

A líder nacionalista criticou a actitude tanto da Administración estatal como da galega. Así, lamentou que as prioridades do Goberno español en materia de conexión ferroviaria non sexan as mesmas que para a Galiza: "Sánchez insiste na conexión Madrid-Lisboa e en dar peso ao corredor mediterráneo"

A responsabilidade deste "fracaso", apuntou, non é só do Goberno estata, senón tamén da Xunta da Galiza, "incapaz de defender os intereses dos galegos e facelos valer ante o Executivo de Pedro Sánchez".

"De nada vale que o presidente Rueda se queixe o día antes de que non o convidan cando é resultado da súa falta de peso político, da súa incapacidade para facer valer a defensa dos intereses deste país. Non é máis que outra escusa para xustificar a súa propia incapacidade", asegurou.

Ao titular do Execuivo galego aféalle ademais non contar cunha estratexia para potenciar a relación con Portugal "en todos os ámbitos: económico, de infraestruturas, académico...". "A responsabilidade é claramente dun Goberno que non é capaz de liderar os proxectos de futuro para este país", concluíu.

Cimeira "decepcionante"

O presidente da Xunta tamén se referíu a esta cimeira, a cal cualificou de "decepcionante". "Había un tema central que todos identificabamos como tal e que non mereceu ningunha atención, sobre todo por parte do Goberno español. Os 29.000 euros consignados no orzamento (estatal) xa indicaban cal podía ser o resultado, pero esperabamos que a cimeira se usase para avanzar, para superar esa inconcreción e para dicir cando e canto. Para nada", lamentou, en relación á infraestrutura ferroviaria.

"O Goberno español non tiña ningunha intención, nin ganas, e o resultado é absolutamente decepcionante", sentenciou, en declaracións aos medios, tras a recepción en Compostela aos alcaldes da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago.

De feito, Rueda resaltou que resulta "moi difícil" dicir "algo" que "realmente" Galiza "poida aproveitar" deste encontro cunha "duración curtísima" e cunha "falta de preparación evidente" por parte do Executivo que dirixe Pedro Sánchez, a pesar de estar presente xunto con varios ministros.

Comentarios