O BNG reivindica a “dignidade” do pobo galego no ‘Prestige’ e reclama o traspaso de salvamento marítimo

Ana Pontón lembra en Camelle a resposta ante a catástrofe e advertiu que o risco dun sinistro “non desapareceu”.

Ana Pontón acto Camelle vinte anos despois do Prestige

O BNG elixiu Camelle, en Camariñas, na Costa da Morte, para lembrar os 20 anos da catástrofe do Prestige, que bateu con especia dureza nesta zona. A portavoz nacional da formación, Ana Pontón afirmou que ante este desastre ecolóxico "o pobo galego respondeu con dignidade, orgullo, valentía e coraxe" e lembrou a "indignación" ante as “mentiras, manipulación e incompetencia” dos Gobernos español e galego para tentar “tapar” o que estaba a pasar.

Dende o acontecido co Prestige, dixo Pontón,  cambiaron moitas cousas, mudanzas que atribuíu á mobilización da cidadanía. Galiza, dixo, demostrou ao mundo que somos "un pobo vivo que medra ante as dificultades e que nos revelamos para reclamar xustiza e dignidade fronte o abandono e o maltrato dun Estado instalado na discriminación e no "ninguneo" e tamén ante un Goberno da Xunta que era cómplice".

A líder da oposición tamén se referiu ao movemento "Nunca Máis" e a participación do BNG, “a súa militancia e responsábeis políticos en todas as reivindicacións”, "púxemos o BNG ao servizo de Galiza na súa hora máis difícil", dixo.

Pontón puxo en valor as melloras que esas mobilizacións lograron en canto a medios en salvamento marítimo por parte do Estado e a Xunta ou no ampliado do dispositivo de separación de tráfico no corredor marítimo de Fisterra, a retirada progresiva dos buques monocasco e a implantación de seguros para cubrir danos medioambientais. O risco despois de vinte anos, recalcou a portavoz do BNG "permanece" e tamén a "irresponsabilidade política" dos que pensan que a "nosa costa pode ser gobernada dende os despachos de Madrid".

Servizo público de salvamento

Neste sentido, manifestou que Galiza " debe coller as rendas da súa costa, do noso litoral" e por iso o BNG reclama  "a transferencia en materia  de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña", porque unha das grandes leccións que deixou o Prestige “é que debemos decidir sobre o noso mar. Madrid o único que fixo foi converter un accidente na maior catástrofe ambiental da nosa historia".

Ademais da transferencia de salvamento marítimo, a nacionalista reclamou "todas as competencias" nesta materia porque a  seguridade no mar, "non pode seguir en mans privadas que só queren facer negocio". Tamén exixiu o tratamento definitivo das "10.000 toneladas de chapapote almacenadas nas Somozas".

Finalmente, Ana Pontón tamén se referiu a demanda dun heliporto na Costa da Morte que despois de mercar os terreos e licitar as obras comprobaron que o emprazamento "non era apto" para que puidesen operar os helicópteros, "un novo exemplo de despilfarro económico decidido dende Madrid e baixo unha grande ignorancia das necesidades de seguridade que precisamos en Galiza, criticou.

O acto do BNG, organizado na localidade de Camelle contou coa presenza dos responsábeis  municipais e simpatizantes da Costa da Morte e as intervencións do responsábel comarcal, Xurxo Rodríguez Baña e a portavoz municipal do BNG, Belén Campos.

Comentarios