Orzamentos de 2023

Subir os impostos a eléctricas e grandes fortunas: as propostas do BNG para recadar 180 millóns de euros

Ana Pontón tende a man ao Goberno de Alfonso Rueda para negociar "unha mellora" das contas de cara a 2023 que pase por, entre outros asuntos, aprobar un "plan de rescate" para a atención primaria, contratar máis docentes ou recuperar a Tarxeta Básica.

Patricia Castelao e Ana Pontón, primeira e segunda pola dereita. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Patricia Castelao e Ana Pontón, primeira e segunda pola dereita. (Foto: Nós Diario)

Unha política fiscal "xusta e valente" que permita "redistribuír" a riqueza e fortalecer os servizos públicos e dar un "uso alternativo" a 1.764 millóns de euros en beneficio da maioría social foron os dous eixos presentados onte pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na "dobre estratexia" da formación nacionalista para os Orzamentos da Xunta de 2023.

Pontón volveu cualificar o proxecto de e da Xunta de "insolidarios" e propuxo, entre outros asuntos, levar a cabo un plan rescate para a Atención Primaria, recuperar a Tarxeta Básica ou contratar máis profesores. Así mesmo, a líder da oposición explicou que "hai que facer que pague máis quen máis ten". Nesta liña, puxo riba da mesa unha reforma fiscal que afecte as rendas altas e as compañías eléctricas para recadar 180 millóns de euros.

Ademais, sinalou que teñen "a man tendida ao Goberno galego para negociar unha mellora dos Ozamentos" e que o que pretenden con esta batería de medidas é "chegar a acordos concretos".

No ámbito fiscal, o BNG propón reducir a 300.000 euros o máximo exento do imposto de Patrimonio, descontando a vivenda habitual, "o que permitiría pasar do 'pelotazo' fiscal de 34 millóns de euros a 7.700 millonarios a poder recadar 60 millóns de euros adicionais".

Tamén insistiu en "aumentar os impostos ao lobby eléctrico" e que as eléctricas paguen o canon eólico en función da cantidade de enerxía, "o que sumaría 25 millóns de euros ás arcas publicas". Tamén propuxo medidas para mobilizar a vivenda baleira, e volveu pedir que se recupere a Tarxeta Básica. Manifestou que hai que "subir o complemento das pensións non contributivas e a renda galega de inserción laboral".

Nesta liña, pediu destinar 200 millóns de euros para a creación dun bono para axudar as familias con menores que se atopan en risco de exclusión social e de pobreza.

Candidaturas

A líder nacionalista desprazouse a Teo após  explicar esta alternativa orzamentaria para apoiar a presentación da candidata do BNG neste concello nas municipais de 2023, Patricia Castelao. Xa pola tarde, Pontón desprazouse até As Neves para mostrar o seu apoio ao alcaldábel da formación nacionalista neses comicios, o actual rexedor Xosé Rodríguez.

Comentarios