O BNG propón oito tramos no IRPF para "gañar en progresividade"

Ana Pontón pide reducir a exención de pagar Patrimonio.
Ana pontón, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana pontón, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reiterou esta segunda feira que a súa formación presentará unha emenda á totalidade ao proxecto de orzamentos da Xunta, “por insolidarios, insolventes e propagandísticos”, onde a previsión das principais cifras macroeconómicas, asegurou, "son falsas e xa foron desmentidas polos expertos".

Pontón puxo o acento na faceta "insolidaria" das contas de 2023. “É moralmente inaceptábel que mentres se suprime a Tarxeta Básica a 50.000 familias para a compra de medicinas e comida, o Goberno galego regale 34 millóns de euros a unha minoría de 7.700 persoas que teñen un patrimonio de seis millóns de media”, alegou. 

"Desigualdade"

A líder da oposición engadiu a isto "o recorte de 3,3 millóns na partida da Risga, mentres o Executivo segue impedindo a compatibilidade entre esa prestación e o Ingreso Mínimo Vital, nun momento de alza de prezos que provoca desigualdade e aumento da pobreza”, argumentou.

Son, proseguiu, uns orzamentos insolidarios coas persoas que cobran as pensións máis baixas, as non contributivas, “e despois de manter trece anos conxelado o complemento autonómico, agora a subida é de 14 euros ao ano, que non dá nin para un quilo de froita ao mes”.

“Estamos no mundo ao revés cun PP que propón que achegue menos quen máis ten”, criticou Pontón, e por iso, anunciou, o BNG presenta unha "alternativa fiscal xusta e progresiva" na que “os que máis teñen acheguen máis”. Unha alternativa, explicou a líder nacionalista, que inclúe dúas medidas destacadas: incrementar de cinco a oito o número de tramos do IRPF, "para gañar en redistribución", e baixar a 300.000 euros o mínimo exento de tributación por imposto de Patrimonio descontada á vivenda habitual.

“Non se pode aceptar que o PP poña en marcha un pelotazo fiscal de 34 millóns de euros, cantidade que está por riba do que destina ao bono social térmico, a medidas de aforro enerxético ás familias; un agasallo aos ricos", concluíu Pontón.

Comentarios