Pontón quere conseguir un resultado histórico nas municipais e "ampliar a base social"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, proclama en Rianxo que se fixa o reto nas eleccións municipais de "mellorar a vida das persoas extendendo o modelo do Bloque a máis concellos". Na tradicional cita de homenaxe a Castelao lembrou a vixencia do pensamento do rianxeiro e a necesidade "de ter un proxecto propio e sen ataduras".
Ana Pontón (á dereita) xunto ao alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños (á esquerda) na ofrenda floral diante do busto de Castelao (Foto: BNG).
photo_camera Ana Pontón (á dereita) xunto ao alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños (á esquerda) na ofrenda floral diante do busto de Castelao (Foto: BNG).

O BNG inaugurou este domingo o curso político en Rianxo coa habitual homenaxe a Castelao con motivo do aniversario do seu pasamento, unha cita na que a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou para salientar a vixencia do pensamento do galeguista.

Para Pontón, “hai unha idea clara que nos deixa Castelao, que a Galiza precisa forzas propias que defendan os seus intereses, sen submisións a Madrid ou Bruxelas, nin tampouco aos grandes lobbys económicos”.

A líder nacionalista lembrou que “na Segunda República esa forza foi o Partido Galeguista, en 2023 é o BNG”. Por este motivo cre que “hoxe é máis necesario que nunca ter un proxecto propio sen ataduras”.

Eleccións municipais

As eleccións municipais de maio son unha cita importante para o BNG. Pontón apuntou a súa intención nelas de “agrandar esa nova Galiza, e por iso estou convencida que o próximo 28 de maio o BNG vai ser a forza política que máis medre e imos ter un resultado histórico, con máis alcaldías e con máis concelleiras e concelleiros ca nunca”.

A portavoz nacional do BNG aproveitou para animar a toda a militancia e simpatizantes a traballar para sumar entorno ao proxecto nacionalista. “As eleccións municipais son unha magnífica oportunidade para estender o modelo do BNG a máis concellos e mellorar a vida das persoas e son unha gran oportunidade tamén para agrandar a base social do BNG, para incrementar a nosa presenza no territorio”.

Nese traballo demandou “facer os deberes e facelos ben,  con xenerosidade e con amplitude de miras, sen durmirse nos loureiros e coa man tendida a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón”.

Loitar contra a crise

A líder nacionalista recordou tamén outras prioridades para o 2023 coas que traballará o BNG, entre elas, seguir loitando contra a crise de prezos, aportando propostas e reclamando medidas para evitar que paguen “os e as de sempre” os efectos dunha inflación que non provocaron.

Neste sentido, Pontón lamentou a falta de “valentía” tanto do Goberno español como do Executivo galego para evitar a especulación de bens básicos como a electricidade ou os alimentos.

Pódese facer moito máis, -alegou-, “como tomar medidas para frear a especulación na vivenda ou nos alimentos, reclamar que a banca que devolva os 90.000 millóns de euros do rescate, baixar o gasto militar para destinalo á ciencia, educación ou sanidade; poñer topes aos carburantes ou crear a tarifa eléctrica galega para que Galiza se beneficie da súa riqueza eléctrica, en lugar de ser pasto dun boom eólico depredador”, citou a modo de exemplos.

“Para iso fai falta valentía e ter as mans libres, como o BNG, para defender os intereses de Galiza, xusto o que non fan desde Madrid e moito menos un Goberno do PP que arrastra os pés ante a crise, un goberno esgotado, sen corazón ante o sufrimento da maioría, un goberno insolvente, insolidario e inxusto”, denunciou Pontón, como demostrou nos orzamentos de 2023 aprobado en solitario.

Mobilización nacional en febreiro

Entre as prioridades do BNG tamén estará a defensa dos servizos públicos, tanto desde as institucións como na rúa, “por iso quero animarvos a seguir traballando desde as plataformas locais e comarcais en defensa da sanidade e na preparación da grande mobilización nacional prevista para o mes de febreiro, que ten que ser unha resposta contundente e masiva a favor do sistema público de saúde”, destacou.

“Somos conscientes das dificultades e dos grandes desafíos mais nunca como agora tivemos tan claro que o noso País precisa un cambio de rumbo, que precisamos abrir un tempo novo e facer realidade o vello lema de Castelao de gobernemos nós a nosa Terra”, explicou, “estou segura de que neste 2023 imos dar importantes pasos adiante para conseguilo e avanzar cara unha Galiza con poder político”, engadiu.

Comentarios