Defensa dos servizos público e máis autogoberno, prioridades do BNG para 2023

Pontón afirma que 2022 deixa un Executivo "incapaz de defender os intereses de Galiza" e que goberna "para os poderosos mentres é insolidario coa maioría social".
FOTO ANA PONTON BALANCE 2022 2

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo onte balance político do ano que remata ao tempo que definiu as prioridades do BNG a favor de Galiza de cara ao 2023. "Que teñamos un Goberno do PP esgotado e sen ideas, instalado na rutina e sen proxecto de país non significa que Galiza non teña futuro, ao contrario, temos un enorme potencial e grandes oportunidades", salientou a líder nacionalista .

A defensa dos servizos públicos, en particular a sanidade, a educación, avanzar na conciliación e dar atención de calidade ás persoas maiores, vai ser unha das prioridades do BNG. "Ter servizos públicos de calidade é o que marca a diferencia entre ser unha sociedade que avanzada ou non selo", alegou Pontón.

A segunda prioridade do BNG será traballar por un modelo enerxético "sostíbel e xusto" coa Galiza como zona produtora de electricidade, con dous obxectivos: abaratar a factura da luz e pasar do boom eólico espoliador que auspicia o PP a un modelo no que a riqueza eólica se coloque ao servizo do País, desde o respecto ao medio ambiente e ao rural.

A terceira prioridade é atender os colectivos máis afectados pola crise e para iso o Bloque propón unha "rede de protección social" con medidas como a tarxeta básica, bono de axuda para as familias con menos recursos ou axudas ao aluguer de vivenda.

En cuarto lugar, o BNG considera prioritario para 2023 "redefinir" a estratexia ante os Next Generation, até agora un total fracaso para Galiza, dixo, e apostar por un modelo produtivo baseado na ciencia e na innovación. Finalmente, e ante "o centralismo", a formación nacionalista quere avanzar no autogoberno, "porque canta máis capacidade de decidir desde aquí, máis posibilidade de benestar", alegou Pontón.

Un PP "sumiso" e ao ditado da rúa Génova de Madrid

A líder do BNG foi moi crítica co balance que deixa o Goberno do PP nun ano marcado pola escalada de prezos, un Partido Popular "que arrastrou os pés ante a crise e submiso ás directrices de Génova, convencido de que canto peor para a xente do común, mellor para os seus intereses partidistas".

Pontón describe o Goberno popular como un executivo "rutineiro, esgotado, sen proxecto de futuro e insolidario, porque goberna para unha minoría privilexiada e para as empresas amigas, moi especialmente o lobby eléctrico.  Un Goberno do PP incapaz de defender os intereses de Galiza, incapaz de axudar aos sectores produtivos e a que máis o precisa ante a crise". Basta facer, dixo, un repaso ao 2022 para constatar que a Galiza foi a menos. Afondouse no deterioro dos servizos públicos, sobre todo na sanidade, cunha Atención Primaria colapsada

"Nunha Galiza na que os salarios e as pensións son máis baixas que a media, pero na que os prezos suben máis, o PP apostou polo pelotazo fiscal, cun agasallo de 34  millóns euros para as 7.700 persoas con máis patrimonio, mentres suprimía a tarxeta básica de alimentos e medicinas", denunciou. O mesmo Partido Popular "que goberna abrazado ás eléctricas e da barra libre ao espolio eólico, e todo iso mentres veta a tarifa eléctrica galega para ter unha factura máis baixa".

"Ogallá puidese facer outro balance, pero este é o resultado dun goberno do PP instalado na rutina, esgotado, incapaz de defender os intereses da Galiza e insolidario coa maioría social", sintetizou Pontón.

Comentarios