Ana Pontón: "É obsceno que mentres existe unha maioría que ten cada vez máis dificultades, as grandes empresas estean a gañar máis a través da especulación"

A portavoz do BNG avoga por decisións valentes que permitan protexer os máis débiles e que "poñan a producir o país e xerar emprego e oportunidades”
Cabeceira da manifestación á súa saída.
photo_camera Cabeceira da manifestación á súa saída.


A manifestación convocada polo BNG coa súa líder, Ana Pontón, á cabeza arrincou pasado o mediodía baixo o lema "Non é unha crise de prezos, é unha estafa", co propósito de reivindicar alternativas para o futuro da Galiza.

Nesta xornada, marcada pola “crise de prezos”, Pontón quixo dirixirse aos galegos e galegas para asegurar que "existen alternativas para que haxa una saída xusta a esta crise, para que esta crise non a paguen os de sempre".

Pontón declarou á saída da manifestación que partían cunha idea moi clara, “a de defender que fronte a esta crise de prezos é necesario que tanto aquí como en Madrid se tomen medidas para protexer as maiorías sociais. Estamos no medio dunha crise que é unha grande estafa na que vemos como os Estados Unidos de América están tomando decisións que provocan inflación, como a Unión Europea está aceptando acriticamente este deseño económico e como as grandes transnacionais están obtendo cada vez maiores beneficios. É obsceno que mentres existe unha maioría de galegos e galegas que cada vez teñen máis dificultades para poder chegar a fin de mes, as grandes empresas están a gañar máis a través da especulación. Fano as enerxéticas, a gran banca e está a facelo tamén a distribución de alimentos”.

 

Fronte a medidas que están empobrecendo á cidadanía e que “fan que cada vez sexa maior o número de persoas que teñen dificultades económicas, que están obstaculizando o desenvolvemento da pequena e a mediana empresa e que están destruíndo o tecido produtivo”, a portavoz do BNG  asegurou que “saímos á rúa para exixir valentía e medidas contundentes. É preciso que se leve a cabo unha intervención pública para que a enerxía sexa  o que sempre debeu ser, un ben ao servizo da sociedade e non un produto para que especulen as eléctricas; para defender unha tarifa eléctrica galega, porque se producimos enerxía na Galiza temos dereito a abaratarlle a tarifa da luz ás familias e as empresas do nosos país; para defender unha fiscalidade realmente xusta e que a Galiza teña a chave da súa riqueza; para defender medidas que poñan a producir o país e xerar emprego, oportunidades e unha aposta clara pola innovación”.

Pontón, ademais, criticou o Goberno do PP, subliñado que “é indecente ver un Goberno do Partido Popular na Xunta que non está a tomar ningunha decisión relevante para axudar a quen máis o necesita. A única decisión relevante deste Goberno foi, no medio desta crise, agasallarlles trinta e catro millóns de euros ás persoas máis ricas da Galiza mentres retiraba a tarxeta básica. Por iso hoxe tamén estamos aquí para dicirlle á Xunta de Galiza que xa esta ben de gobernar para unha minoría e de permitir o desfalco deste país sen que se ofrezan alternativas de futuro. Hoxe é un día na que moitos galegos e galegas saímos a rúa para defender unha saída xusta e galega a esta crise, porque nin queremos nin podemos mirar para outro lado mentres se están tomando decisións que van en contra da maioría”, rematou.

Comentarios