Pontón ve nos concellos do BNG un "motor de cambio" para Galiza: "Imos a por todas nas eleccións municipais"

O BNG conmemorou o 90 aniversario da Asemblea de concellos pro Estatuto, decisiva para o autogoberno da Galiza xunto ao Partido Galeguista

Ana Pontón xunto a representnates municipais do BNG. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón xunto a representnates municipais do BNG. (Foto: Nós Diario).

O BNG conmemorou este 6 de decembro o 90 aniversario da constitución da Asemblea de concellos pro Estatuto de autonomía, apenas un ano despois da fundación do propio Partido Galeguista (PG).

"Hoxe o BNG celebra os ideais e recoñece as persoas que puxeron a andar a roda do orgullo colectivo, do amor a Galiza, da súa prosperidade e liberdade. Conmemoramos a fundación do Partido Galeguista e a histórica asemblea de concellos que supuxo un punto de inflexión para avanzar cara á conquista do autogoberno", afirmou a portavoz nacional, Ana Pontón.

Acompañada dunha representación de alcaldes e das alcaldesas nacionalistas, en Compostela, asegurou que na construción nacional foi "decisivo" o papel dos municipios que, de forma maioritaria, -256 de 319-, apoiaron a proposta estatutaria, "convertendo o poder local nun motor para facer avanzar Galiza en democracia, dereitos e benestar", explicou.

"Motor de cambio"

Pontón trouxo ao presente a forza dos concellos agrupados hai 90 anos nesa asemblea. Ao igual que entón foron decisivos, hoxe son os concellos liderados polo BNG "o gran motor de cambio" na Galiza, alegou.

"Os concellos do BNG son un gran motor de cambio, demostran que outra Galiza é posíbel e que xa está emerxendo, concello a concello. Por iso, imos a por todas nas próxima eleccións municipais, coa máxima ilusión e ambición, co aval do noso traballo nos concellos, onde demostramos a capacidade de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas".

A voceira nacional do BNG amosouse segura de que a súa formación vai obter "os mellores resultados da historia do nacionalismo galego, con máis representación e máis alcaldías ca nunca, máis BNG nos concellos", declarou.

Alternativa ao PP

Pontón quixo deixar claro cal é a "gran tarefa" do nacionalismo no presente: "Construír unha nova Galiza, dona de si, orgullosa da súa identidade, igualitaria, feminista, sustentábel no económico, no social, no ambiental; unha Galiza da ciencia e da innovación, moderna e próspera. Unha terra de oportunidades, de traballo, con dereitos, de xustiza social, de benestar social", sintetizou.

Neste sentido destacou o abrollar dunha "dunha nación imparábel", sen ataduras e sen límites  no que volveu pór como exemplo os concellos do BNG, cuxas políticas demostran que o seu partido está "preparado" para ser a alternativa ao PP.

Unha Constitución que "nos nega como pobo"

O 90 aniversario da Asemblea de concellos pro Estatuto e a creación do PG hai 91, protagonizaron a conmemoración nacionalista este 6 de decembro fronte a unha Constitución "que nos nega como pobo, limita as nosas capacidades e pon trabas ao noso desenvolvemento e benestar", subliñou.

Co actual marco institucional, denunciou Pontón, Galiza "foi perdendo posicións, peso económico, cohesión territorial e vitalidade demográfica". A isto sumou o centralismo das forzas estatais, en particular dun PP instalado nun "autogoberno cativo" que arrastra Galiza á "irrelevancia".

Fronte ás consecuencias dese centralismo que castiga máis a maioría social, Pontón chamou a "participar na manifestación do 18 de decembro en Compostela para reclamar unha saída xusta e galega a esta crise e para defender os servizos públicos"

"Temos que dicilo alto e claro: isto non é unha crise, é unha estafa, que paga a maioría social mentres unha minoría privilexiada acumula beneficios obscenos, como a banca e as eléctricas", concluíu.

Comentarios