Pontón acusa Sanidade de querer "fechar centros de saúde" e reclama reforzar a Atención Primaria

A líder nacionalista ve "unha temeridade" estes "novos recortes" que tentará frear "nas institucións e na rúa"
Ana pontón, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tachou de "gravísimo" que a Consellería de Sanidade pretenda "fechar centros de saúde" e dar "máis facilidades para traballar" no sector privado tras a reunión mantida esta terza feira co Consello Galego de Colexios Médicos. Fronte a iso, reclamou "reforzar" a Atención Primaria.

Nunha comparecencia ante os medios , a líder da oposición galega manifestou a súa "gran preocupación" ante o que considera os "novos recortes que prepara o Partido Popular" desde a Xunta.

E é que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comprometeuse a "estudar" unha reestruturación dos centros de saúde, aínda que non entrou en se isto suporía feches de instalacións. Tamén avanzou que a finais de ano presentaría unha proposta de "flexibilización" en canto ás incompatibilidades dos médicos para exercer na pública e na privada.

A portavoz nacional do BNG referiuse a todos estes asuntos como "ocorrencias" do PP, que anunciou que "no canto de tomar medidas para reforzar a sanidade pública, pretende fechar centros de saúde e dar máis facilidades para traballar na privada". "O resultado só pode ser un maior colapso na atención sanitaria" porque "se pretende que menos profesionais en menos centros de saúde atendan a máis persoas", concluíu Ana Pontón.

Neste contexto, a líder do Bloque acusou a Xunta de "xogar coa saúde dos galegos" e de acometer unha "auténtica temeridade" ao estudar estas propostas que supoñen ir "na dirección contraria" aos problemas da falta de médicos. Fronte a este "novo retroceso", o BNG xa avanza que o tentará frear "por todos os medios, nas institucións e na rúa".

Así mesmo, Pontón volveu a reclamar á Xunta que "retire a súa proposta" de que haxa puntos de atención continuada (PAC) que atendan sen médicos e só con enfermeiros, "unha auténtica barbaridade". Do mesmo modo, lembrou a sentenza coñecida esta terza feira pola que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) anulaba unha instrución do Sergas que permitía aos farmacéuticos renovar receitas. Trátase doutra "ocorrencia", dixo a portavoz nacional do BNG, que "estaba fóra da lei".

Comentarios