O BNG sitúa o PP como "problema para a saúde"

Pontón cualifica 2022 de 'ano negro' para a sanidade pública do país

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, onte no Parlamento. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, onte no Parlamento. (Foto: Nós Diario)

Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), fixo balance dun ano político de cambios na Presidencia da Xunta da Galiza e que definiu como "negro para o sistema público de saúde ante un Goberno que foi de disparate en disparate". Así, indicou que a estratexia do Partido Popular (PP) foi "arrastrar os pés e estar subordinado ás directrices de Xénova". 

Para Pontón, o Goberno de Alfonso Rueda chega ao fin de 2022 "esgotado e sen proxecto de futuro". A líder nacionalista destacou, ademais, que o PP "goberna para unha minoría privilexiada, mentres é incapaz de axudar aos sectores produtivos e as persoas". 

Desta maneira, criticou nunha rolda de prensa na Cámara galega a xestión dos populares no sistema público de saúde "cunha cascada de dimisións", así como "longas listas de agarda e falta de profesionais na Atención Primaria". 

En materia de sanidade indicou que o PP "é un perigo para a saúde das galegas e dos galegos" e que "non puxo nin unha soa residencia pública en marcha, senón que apostou por un modelo de negocio privado". 

Entre outros asuntos, Pontón referiuse á situación da lingua galega, nun ano en que hai cifra récord de perda de falantes, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística. Así, indicou que está convencida de que o PP "converteu o galego nunha lingua de segunda".

Por outro lado, a portavoz nacional do BNG sinalou as liñas principais que seguirá a formación "desde o minuto un do día un" de 2023. Ana Pontón destacou que seguirán a defender os servizos públicos, en especial a sanidade, e que levarán a cabo medidas de protección social. 

Nesta liña, subliñou a necesidade promover "un gran debate sobre a enerxía" e impulsar medidas que "abaraten a factura da luz e freen o boom eólico depredador". Ademais, explicou que é "importante" tomar medidas para o impulso económico e un novo modelo produtivo na Galiza, "baseado na ciencia, investigación e innovación".

Comentarios