Pontón acusa Feixoo de "escapismo" e dille que se non se ve capaz "deixe sitio"

Pontón a Feixoo: "se non é capaz de facer o que ten que facer debería deixar sitio". A inflación disparada, a suba de prezos e o aumento da pobreza aumentaron o confronto na sesión de control ao Goberno galego.

Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, no Parlamento, na sesión de control ao Goberno galego.
photo_camera Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, no Parlamento, na sesión de control ao Goberno galego.

Coa inflación disparada na Galiza en 4,6% (a máis elevada desde setembro de 2008, hai 13 anos), a suba de prezos, os impostos e o aumento da pobreza centraron este 10 de novembro a sesión de control ao Goberno galego no Parlamento.

"É o momento de apoiar unha baixada estratéxica dos impostos", proclamou o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, ao ser interpelado pola líder da oposición, Ana Pontón, que lle espetou que o que preocupa na súa formación, o BNG, é que Feixoo siga na Galiza "o catecismo do PP máis ultra da súa historia: baixar os impostos ás rendas altas" no canto de impulsar unha fiscalidade "xusta".
"Pida ao Goberno [español] que baixe impostos", dixo o titular da Xunta a Pontón, "polo menos en tempo inflacionista", ao tempo que resaltou o impacto do IVE "cada vez que sobe un prezo".

A nacionalista respondeu aseverando que "é tal o escapismo" de Feixoo "que recibín no meu correo electrónico unha petición do conselleiro de Medio Rural pedíndome que faga o seu traballo [o de Feixoo] e que negocie con Madrid os prezos". A nacionalista concluíu recriminado ao mandatario galego que "se non é capaz de facer o que ten que facer debería deixar sitio".

A líder do Bloque considerou "sorprendente" que Feixoo, após "levar 12 anos gobernando", vaia á Cámara para dicir "que a culpa é do BNG". Finalmente, insistiu en defender as propostas do BNG como o impulso dunha tarifa eléctrica galega, fronte ao "escapismo" de Feixoo ou a "receitas que xa fracasaron no pasado, como baixar impostos aos que máis teñen". "Hai que axudar á reactivación e achegar recursos para as familias, que son as que máis están a sufrir o impacto da subida de prezos", resolveu.

Fondos Next Generation

Tamén os fondos europeos de recuperación Next Generation foron obxecto do debate na Cámara, neste caso entre o cara a cara protagonizado polo portavoz do grupo parlamentario socialista, Gonzalo Caballero, e o titular da Xunta, que se volveu queixar de que a Galiza non coñece "as condicións concretas" que acompañarán o acceso a estes recursos e advertiu de que o Executivo que dirixe Pedro Sánchez podería usalos para beneficiar "os seus socios" a fin de "paliar a inestabilidade parlamentaria" que o sustenta.

Así se pronunciou despois de que Caballero o instara a actuar con "valentía para orientar o futuro" no canto de "apatía para xestionar o presente". O socialista pediu a Feixoo "aproveitar o dobre incremento de 30%" dos fondos que chegan á Galiza "como principal motor de construción dunha nova etapa pos Covid-19". En concreto, aludiu "a un 29% máis" que a Galiza recibirá no investimento territorializado dos orzamentos do Estado e "a un 31% adicional" de fondos europeos que se destinarán aos orzamentos da Xunta.

"Comprométase coa modernización, coa cohesión, coa equidade e póñase a gobernar no canto de dicir 'pasapalabra' ante cada un dos retos fundamentais do país", aseverou, mentres que Feixoo lle replicou que, polo do momento, a Galiza, dos fondos Next Generation, recibiu "cero" e, no seu conxunto, menos recursos europeos -distribuídos polo Estado- dos que lle corresponderían segundo o sistema de financiamento.

Caballero deixa claro que dará a batalla desde o Parlamento

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, aproveitou o seu primeiro cara a cara co titular da Xunta tras as primarias socialistas para reafirmar que, a pesar de saír derrotado da súa batalla interna con Valentín González Formoso, prevé "seguir traballando polos galegos" desde o Parlamento. "O meu compromiso coa Galiza e con este Parlamento é e vai ser inquebrantábel. Vou seguir traballando polos galegos alí onde nos puxeron, na oposición ao PP”, dixo.

"E se as condicións que marquen as institucións europeas expoñen que hai que estabelecer peaxes nas autovías galegas, eu xa lle digo que iso non vai estar nas miñas prioridades nin na miña forma de estabelecer a reactivación", espetou a Feixoo. Con todo, en decembro será o congreso do PSdeG. Del sairá unha nova dirección que pode comprometer o futuro de Gonzalo Caballero.

Comentarios