Caballero seguirá como voceiro do PSdeG na Cámara

Non se auguran cambios no grupo parlamentario até o congreso do partido en decembro
O cara a cara do próximo pleno será entre Feixoo e Caballero. (Foto: Europa Press)
photo_camera O cara a cara do próximo pleno será entre Feixoo e Caballero. (Foto: Europa Press)

O viceportavoz do grupo parlamentario socialista, Pablo Arangüena, tamén vicesecretario xeral na Executiva de Gonzalo Caballero no PSdeG, asegurou que é "obvio e evidente" que, a pesar de non resultar elixido nas primarias, o até o de agora xefe de filas dos socialistas protagonizará o cara a cara parlamentario co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na sesión de control da semana próxima.

Preguntado esta terza feira pola prensa a respecto do papel que terá Caballero nos próximos debates no Parlamento, Arangüena lembrou que Caballero "é o portavoz" e, como tal, corresponde a el facer as preguntas ao presidente e engadiu que "non ten sentido que haxa cambios" até o congreso do 7 e 8 de decembro.

Tras perder nas primarias contra o alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, Caballero terá que deixar a secretaría  xeral da formación, mais Arangüena descartou onte cambios inmediatos no Hórreo.

"O grupo parlamentario ten unha dirección, elixida polo propio grupo parlamentario, e vai seguir funcionando con total normalidade", defendeu, antes de subliñar que o congreso está convocado para decembro e aí adoptaranse "as decisións" que o PSdeG considere "oportunas". "Decisións", engadiu, que "poden ou non" ter reflexo no grupo e que verán "no seu momento".

"Isto foi un proceso de primarias interno, que ten o efecto que ten. Non ten efecto no grupo parlamentario nin, polo de agora, na Executiva", dixo. De feito, a Executiva non se designará até o congreso.

"Temos que estudar esa decisión", dicía pola súa banda o propio Valentín González Formoso ao ser preguntado nunha entrevista en prensa na fin de semana por se faría mudanzas no grupo parlamentario.

O vencedor das primarias sinalaba que a nova Executiva será un reflexo  dun novo PSdeG, máis vinculado  á  sociedade galega, polo que, indicaba, tamén haberá algún cambio no grupo parlamentario. Iso si, matizaba que todas as mudanzas serán en función do interese  xeral do PSdeG, ordenadas e tranquilas.

Con todo, a diferenza do que lle aconteceu a Caballero, Valentín González non ten opcións de entrar no Parlamento até as eleccións de 2024. Gonzalo Caballero, cando foi electo secretario xeral, tivo que agardar a acceder ao Parlamento a que houbese un corremento de listas. Porén, Formoso non foi na candidatura do PSdeG nas eleccións galegas e polo tanto non poderá ser voceiro do grupo socialista nesta lexislatura. 

Comentarios