A Xunta elude facer públicos os principais proxectos europeos

A Xunta evita confirmar se comunicou ou non ao Estado cales son os seus tres principais proxectos Next Generation, cuestión solicitada pola ministra Nadia Calviño hai un mes. 
 
Encontro da Xunta sobre os Next Generation (Foto: Europa Press)
photo_camera Encontro da Xunta sobre os Next Generation (Foto: Europa Press)

O Goberno galego non confirma se xa comunicou ao Estado cales son os seus tres principais proxectos cos que aspira a conseguir fondos europeos Next Generation. O traslado desa información foi solicitado en setembro pola vicepresidenta económica do Executivo español, Nadia Calviño. Tampouco saben na Xunta indicar cales serían os seus dous ou tres proxectos principais. 

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, sostivo en comisión parlamentaria esta terza feira, 6 de outubro, que "non se pode resumir en dous ou tres proxectos" a candidatura galega que opta aos fondos europeos.

Así se expresou despois de que Calviño requirira hai un mes ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que lle trasladase os "dous ou tres proxectos máis emblemáticos" da Galiza para os Next Generation. A ministra  referiuse á intención de elaborar un "mapa" coas prioridades por comunidades.

Precisamente, sobre esta cuestión preguntou a Guldrís a deputada do BNG Noa Presas no Parlamento. A nacionalista queixouse sobre a falta de concreción nas respostas en relación a se a Xunta remitiu ou non esas "dúas ou tres" propostas ao Estado. "Quedei como estaba", lamentou Presas.

Presas reprobou o "sectarismo" e "falta absoluta de diálogo" e "transparencia" por parte da Xunta

Igualmente, a deputada reprobou o "sectarismo" e "falta absoluta de diálogo" e "transparencia" por parte da Xunta en relación coa candidatura para fondos europeos de reconstrución. Presas cargou ademais contra o "proceso de privatización clara" que rodea a proposta galega, e puxo como exemplo o "alpendre da Xunta liderado por Abanca que vai decidir sobre as prioridades deste país".

Así se referiu á sociedade público-privada que creou a Xunta con empresas para pór en marcha os proxectos europeos.  "Está a esperar a que esas prioridades as decida o señor Escotet [presidente de Abanca] ou lle van vir impostas?", cuestionou con ironía a deputada ourensá.

Comentarios