Ana Pontón: "Temos o reto de que por primeira vez haxa unha Presidencia nacionalista"

Alongar a base social do BNG e situar en 2024 o nacionalismo na Presidencia da Xunta por primeira vez na historia. Eis os ambiciosos retos que se marca Ana Pontón, que esta fin de semana resultou reelixida portavoz do Bloque con 99% de apoio no marco da XVII Asemblea Nacional da formación nacionalista. 
A líder do BNG, Ana Pontón, afirma que no BNG as portas están abertas a quen ten a Galiza na cabeza e no corazón (Foto: Arxina)
photo_camera A líder do BNG, Ana Pontón, afirma que no BNG as portas están abertas a quen ten a Galiza na cabeza e no corazón (Foto: Arxina)

—Na Asemblea Nacional incidiu en alongar a base social do BNG. É un obxectivo que xa se ten formulado noutras ocasións mais como ten pensado conseguilo?
É un reto colectivo, da organización. Nós facemos unha reflexión: o BNG ten que ser unha forza maioritaria e se queremos poder levar adiante unha transformación do país necesitamos reforzar a organización e chegar ás maiorías sociais.

O primeiro é marcarnos iso como meta; o segundo é facer estes anos un traballo de acercamento aos sectores máis dinámicos da sociedade e que teñan confianza en nós para poder liderar o país, porque ese é un paso necesario para logo poder seguir avanzando en retos máis estratéxicos que o nacionalismo non pode perder de vista. 

—A formulación que figura nos relatorios de República Galega xoga a favor ou en contra dese obxectivo de alongamento? 
O BNG é unha forza política que se algo a define é ser nacionalista. En 1982, cando se funda o BNG, hai un debate sobre o propio nome do Bloque. A decisión é que a definición de nacionalista apareza nas siglas para que haxa clareza na sociedade galega a respecto da alternativa que representamos. E se algo está nos nosos principios é a defensa da Galiza como nación, do seu dereito a poder decidir o futuro e a ter o máximo poder político que poidamos.

Pero tamén entendemos que eses son procesos dinámicos que non se solucionan en un día, por tanto é fundamental que o BNG teña claros os seus principios e a súa orientación estratéxica, pero tamén termos a certeza de que para poder avanzar nesa dirección hai que ir dando pasos tácticos. E o primeiro é que poidamos chegar a unha maioría social no país e termos confianza en que iso é posíbel. 

Se nos concibimos como unha forza que só pode aspirar a unha parte moi pequena da sociedade galega estaremos autolimitándonos. Creo que somos un proxecto con capacidade para poder chegar á maioría da Galiza.
 
—Dixo que o presidente da Xunta está nervioso. Pensa que o PP ve posíbel un Goberno do BNG?
Sinto que desde as eleccións están obsesionados co BNG e fan uns ataques que parece que están desesperados. É moi ridículo que nun debate tan importante como o de Política Xeral o presidente da Xunta se lance a tentar desacreditarme falando dunhas supostas carpetas do instituto ou cando en plena pandemia lanzou unha ofensiva tamén para tentar desacreditarme. Penso que eles son os primeiros conscientes de que nas eleccións galegas se moveu o taboleiro e de que cada vez hai máis xente que mira o BNG como unha alternativa na que detrás hai organización, proxecto e fortaleza para poder construír unha alternativa real fronte ao PP.

Temos o reto histórico de conseguir que por primeira vez este país teña unha Presidencia nacionalista. Temos que deixarnos a pel para facelo posíbel. 

—Feixoo preguntoulle polo forro da súas carpetas de estudante. Mais, que levaba dentro delas?
Seguramente apuntamentos, era moi estudosa. Pero xa llo dixen nese debate, máis que preocuparse do forro das miñas carpetas ten que preocuparse dos que se forran a costa da Galiza. 

—Falou con Valentín González Formoso?
Non tiven ocasión. Esta última semana foi moi intensa pola Asemblea Nacional. En calquera caso, o BNG e o PSOE na Galiza son dúas forzas diferentes que no ámbito municipal e provincial temos acordos para garantir unha alternativa ao PP. Seguirei mantendo relación de cordialidade e respecto e entendendo tamén cales son as mensaxes que a cidadanía lance nas urnas. 

—Na clausura estiveron ex dirixentes do BNG como Anxo Quintana ou Teresa Táboas, e mesmo de Podemos, como Carmen Santos. Que lle dixeron?
A verdade é que ao remate da clausura houbo moi pouco tempo. Agradezo moito a todas as persoas que nos arrouparon nesta asemblea, a militancia e as persoas que sen ser militantes se achegaron e as que quixeron demostrarnos o seu aprecio e respecto participando da clausura. 
É importante que a sociedade galega saiba que temos as portas abertas a todas as persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón e comparten con nós que precisamos un proxecto propio sen subordinacións nin sucursalismo madrileños. E ese proxecto é o BNG.

—Aludiu na clausura ás mulleres do BNG que a precederon. Tivo que sortear barreiras máis altas que os seus compañeiros?
É evidente que a política é un mundo moi masculino onde as mulleres teñen máis barreiras. Que no BNG teñamos menos mulleres militantes que homes é un síntoma da desigualdade e é un problema político para o BNG que debemos abordar como unha cuestión de primeira necesidade.
Temos que cambiar unha parte da nosa cultura política para incorporar dunha maneira máis efectiva os valores que se asocian ao feminismo: o diálogo, a empatía, escoitar, acordar, pois ás veces non se trata tanto de gañar senón de convencer e xerar sinerxías na organización. Son valores que nos van axudar a construír un BNG máis forte.

Hoxe o BNG é unha referencia, con mulleres en postos de responsabilidade, pero detrás hai o traballo anterior de moitas mulleres e hai que recoñecelo e, sobre todo, hai que empoderar as mulleres en política e na sociedade. 

O reto de traducir o sentimento de país en voto nacionalista

"Na Galiza hai un sentimento de país e de ser galegas e galegos moi forte", sinala Ana Pontón, situando como reto que o BNG sexa "o catalizador" dese sentimento en termos políticos. "Temos que ter confianza en que podemos chegar a eses sectores e a maneira de facelo xa a definimos hai anos". A ese respecto apunta ás teses da Asemblea Nacional de 2016, en que resultou electa por primeira vez como portavoz nacional.

Neses textos, lembra, apélase "a ser pedagóxicos no discurso" para que se entenda "de que estamos a falar cando falamos de soberanía". Nese sentido, incide en ligar a soberanía con elementos prácticos: "desde o espolio enerxético ás causas da emigración galega", falando do "que xera na Galiza o feito de que decidan por  nós en Madrid en contra dos nosos intereses". 

Comentarios