Os aforradores galegos perderon 3.648 millóns durante 2021 pola inflación

Só 17% dos convenios asinados conteñen cláusula de garantía salarial
Galiza lidera os niveis de aforro no Estado español. (Foto: Europa Press)
photo_camera Galiza lidera os niveis de aforro no Estado español. (Foto: Europa Press)

A suba da inflación déixase notar no día a día. A perda do poder adquisitivo chega por varias frontes, significándose entre estas o incremento do prezo dos produtos básicos e a caída da capacidade de compra dos salarios. Traballadores, pensionistas e aforradores son os colectivos máis afectados por esta dinámica que está lonxe de tratarse dun fenómeno conxuntural, como teñen sinalado algúns organismos como o Banco Central Europeo ou a Reserva Federal de Estados Unidos.

A diferenza doutras variábeis macroeconómicas o impacto da inflación é directo sobre o peto dos galegos. Supón, sen ir máis lonxe, unha relevante perda do valor dos aforros, que alcanzaron máximos históricos durante a pandemia como consecuencia da mudanza dos hábitos de consumo e das cautelas adoptadas nunhas circunstancias excepcionais.

Os últimos dados do Banco de España, referidos ao mes de xuño de 2021, sinalan que o total dos depósitos custodiados polos bancos presentes na Galiza ascenden a 70.578 millóns de euros. Rexistrándose en outubro unha inflación para o conxunto do Estado de 5,5%, a capacidade adquisitiva real deses aforros fronte ao valor efectivo desa cantidade un ano antes é de 3.648 millóns de euros. Precisamente esta variábel presenta un impacto moi importante na Galiza por se tratar dun país cunha importante capacidade de aforro neto, que supera a media estatal. 

A caída do poder adquisitivo

A perda de poder de compra entre os asalariados é evidente. Se tomamos como referencia a media dos incrementos salariais pactados en convenio até o mes de setembro, situados arredor de 1,46%, resulta que o groso dos traballadores leva perdido máis de catro puntos de poder adquisitivo desde outubro do pasado exercicio. A situación complícase aínda máis atendendo á porcentaxe de convenios que inclúen a chamada cláusula de garantía salarial, unha disposición pensada para garantir a capacidade de compra en ciclos inflacionistas, que segundo a autoridade laboral só cobre o 17% dos acordos entre traballadores e empresarios.

O persoal empregado no sector público é outro colectivo particularmente afectado por esta tendencia inflacionista. A proposta de orzamentos do Estado para 2021 fixou unha suba nos salarios para a anualidade de 0,9%, polo que levan perdido ao longo deste exercicio máis de 4,5 puntos de poder adquisitivo. A cousa non pinta mellor para 2022, unha vez que na proposta de contas públicas presentadas polo Goberno do Estado a alza salarial fica en 2%, unha revalorización que unha parte dos analistas consideran insuficiente para cubrir o incremento dos prezos do vindeiro ano.

O actual sistema de pensións obriga ao Goberno a compensar aos pensionistas pola desviación da inflación. Porén, desde o Executivo non van acometer esta suba atendendo á alza de 5,5% do IPC, senón tomando como media o incremento acontecido na media anual de 2021.

A este respecto, desde o Ministerio de Facenda veñen sinalando que a compensación para os pensionistas vai situarse arredor de  2,5%.

A alza dos prezos desminte os neoliberais

A suba da inflación ven desmentir os argumentos dos pensadores neoliberais que ligan a alza dos prezos ao incremento da masa monetaria. Malia as políticas expansivas aplicadas polos diversos bancos centrais, nomeadamente a Reserva Federal de Estados Unidos, o Banco Central Europeo e o Banco de Xapón, o aumento do IPC só se fixo presente tras a suba da enerxía. Neste sentido, o Instituto Nacional de Estatística (INE), sinala que “neste comportamento destacan as subas do prezo da electricidade e, en menor medida, dos carburantes e dos lubricantes eléctricas para vehículos persoais e do gas”. Sexa como for, os supervisores bancarios estudan combater a alza do IPC acudindo as súas receitas clásicas, concretadas na aplicación de políticas de recortes.

Comentarios