Críticas á baixada de impostos que prepara a Xunta por só beneficiar as rendas altas

A oposición cuestiona que as rebaixas fiscais anunciadas por Feixoo beneficien as rendas baixas e medias. "A cuestión é que cambian os tramos e o cambio é regresivo", de maneira que unha persoa “que ingrese 12.000 euros" mensuais aforrará "12 euros ao ano, que non dán nin para un café ao mes", explica a deputada do BNG Noa Presas.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, expuxo onte os orzamentos para 2022 na comisión de Economía da Cámara galega.
photo_camera O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, expuxo os orzamentos para 2022 na comisión de Economía da Cámara galega. (Foto: Parlamento)

"Contas continuistas" e con reformas fiscais "regresivas" que só benefician as rendas altas. Así cualificou a oposición a proposta de Orzamentos da Xunta para 2022, coincidindo co inicio das comparecencias dos membros do Executivo na comisión de Economía do Parlamento galego. Os primeiros en pasar pola comisión para expor o investimento dos seus departamentos foron o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos; a de Vivenda e Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; e o secretario xeral da Presidencia, Álvaro Pérez.

Para comezar, xa non hai consenso sobre o incremento dos orzamentos. O Goberno eleva as contas do ano que vén a 11.627 millóns, 0,55% máis que o orzamento de 2021 (11.563 millóns). Porén, cifra o incremento en 6,9% ao descontar de 2021 os 685 millóns recibidos polos fondos extraordinarios da Covid-19, polo feito de seren extraordinarios. Pola contra, non desconta da previsión de 2022 os 220 millóns que corresponden á devolución do IVE que o Estado adebeda á Galiza do ano 2017.

O primeiro en intervir esta segunda feira, 25 de otubro, foi o titular de Facenda, que asegurou que a nova rebaixa do IRPF que inclúe a Lei de acompañamento dos orzamentos suporá un aforro medio de 144 euros para un fogar con dous contribuíntes.

Non o ve así a oposición. A deputada do BNG Noa Presas sinalou que "a cuestión é que cambian os tramos e o cambio é regresivo. Aglutinan maiores rendas en tramos determinados, en lugar de combater a regresividade", explicou, de maneira que unha persoa “que ingrese 12.000 euros" aforrará "12 euros ao ano, que non dá nin para un café ao mes".

Pola súa banda, Begoña Rodríguez (PSdeG) advertiu de que a medida que "ten maior impacto" é a diminución do imposto sobre o patrimonio, co que "se está falando das rendas máis altas, non das medias nin das baixas". 

Posteriormente expuxo as contas de Vivenda e Medio Ambiente a conselleira Ángeles Vázquez. Anunciou que a Xunta concederá un aval para facilitar a adquisición da primeira vivenda á mocidade. Cun orzamento inicial de 5 millóns de euros, a medida diríxese a menores de 35 anos, que poderán acceder a 15% do crédito. A Consellaría tamén asinará convenios con entidades financeiras para que faciliten a concesión da hipoteca a interese de préstamo 

Vázquez afirmou que o seu departamento xestionará 445 millóns o próximo ano, o que supón  un incremento de 19% respecto a 2021.

Porén, a contía que figura no proxecto de orzamentos é 262,8 millóns. Nós Diario preguntou á Consellaría por esta diverxencia nas contas.

O argumento que esgrimiron é que á asignación da Consellaría (262,8 millóns) suman o orzamento de sociedades e consorcios que dependen ou nos que participa a propia Consellaría (como Sogama ou o Consorcio Casco Vello de Vigo). 

A deputada Alexandra Fernández (BNG) replicou que as contas "son inferiores en termos totais ás de 2009", cando gobernaban PSdeG e BNG na Xunta. 

Xa pola tarde, na comparecencia do secretario xeral de Presidencia, Álvaro Pérez, o deputado socialista Pablo Arangüena criticou a suba de 6,7% no orzamento destinado a asesores do Goberno, ao tempo que criticou o desmantelamento e manipulación na CRTVG, englobada en Presidencia.

Comentarios