O sector de Caballero acusa Formoso de “restar e purgar” no PSdeG

Ferraz destitúe o comité organizador do congreso do PSdeG designado por Gonzalo Caballero e nomea un novo proposto por Valentín González Formoso. O sector de Caballero acusa o novo secretario xeral do PSdeG de revanchismo e de “restar e purgar”

Os candidatos Valentín González Formoso e Gonzalo Caballero. (Foto: Europa Press / PSdeG)
photo_camera Os candidatos Valentín González Formoso e Gonzalo Caballero. (Foto: Europa Press / PSdeG)

A comisión executiva federal do PSOE destituíu esta segunda feira, 8 de novembro, o comité organizador do XIV Congreso Nacional do PSdeG, que fora designado baixo a dirección do ex secretario xeral Gonzalo Caballero. O órgano estaba presidido pola ex presidenta do Parlamento Dolores Villarino, próxima a Caballero. Ferraz aprobou nomear unha nova comisión organizadora seguindo a proposta do novo líder do PSdeG, Valentín González Formoso.

Ferraz lembra que Formoso foi proclamado secretario xeral do PSdeG pola Comisión Nacional de Ética do partido o pasado 5 de novembro, data en que propuxo a creación desta comisión, unha posibilidade recollida nos estatutos da formación.

Esta nova comisión organizadora, que dependerá de Formoso, estará composta pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Vilgarcía e presidente da Fegamp, Alberto Varela; o rexedor de Ames, Blas García; o administrador-xerente do partido, Luis Ángel Lago Laxe; o alcalde de Valdoviño, Alberto González; a edil pontesa Ana Pena; a ex xefa de gabinete de Emilio Pérez Touriño, Teresa Facal; e a deputada e secretaria provincial do PSOE de Lugo, Patricia Otero.

Ademais da organización do propio congreso, a comisión dirixirá os recursos humanos e do persoal contratado tanto polo PSdeG como grupo parlamentario.

Respecto diso, fontes socialistas trasladaron que esta resolución de Ferraz deixa claro que a executiva de Gonzalo Caballero "deixou de ter competencias" coa elección do novo secretario xeral. Con todo, a executiva non será renovada até o congreso, que está previsto para decembro, aínda que tampouco se descartan cambios no calendario.

“Formoso opta por restar e purgar en vez de sumar”, di o sector de Caballero

Nun comunicado enviado á prensa, o secretario de Acción Electoral do PSdeG, Martín Seco, membro da dirección galega en funcións do PSdeG, acusou “a falta de aposta pola integración” de Valentín González Formoso, cuestionando así a “nula veracidade” do discurso de integración co que se presentou ás primarias o secretario xeral electo.

Logo de que Formoso requirira o cambio do comité organizador do Congreso Nacional do PSdeG, Seco subliñou que “Formoso opta por restar e purgar en vez de sumar". Segundo Seco, o secretario xeral electo "empeza mal se purga” aos compañeiros e compañeiras elixidos polo Comité Nacional Galego, máximo órgano do partido na Galiza, para organizar o Congreso”.

Seco amosou “respecto” pola resolución federal, pero considera que Formoso erra politicamente ao non comunicar a súa posición á executiva galega, cuxo mandato está vixente até o congreso, a pesar da boa disposición da dirección galega en funcións a colaborar co equipo de Formoso”.

Probas diso, dixo Seco, son o correo enviado pola Comisión Organizadora a Formoso o día 5 para pórse á súa disposición “para calquera indicación, orientación global ou texto, así como para a incorporación de relatores ou material” de cara á finalización da redacción do relatorio marco que está sendo redactada, ou o feito de que o propio Gonzalo Caballero lle trasladase esta mesma disposición en persoa.

“A nosa estratexia é contribuír entre todos e todas para facer o mellor traballo posíbel para a nova etapa, pero parece que algúns só entenden a integración de boquilla”, reprobou, antes de lamentar que “algúns seguen na estratexia de menoscabar o partido con filtracións interesadas aos medios de comunicación, como levan facendo desde o día en que Gonzalo Caballero gañou as primarias”, denunciou Seco.

Neste sentido, Seco emprazou Formoso “a non seguir facendo oposición a Gonzalo Caballero”, e emprazouno a “empezar a traballar en chave colectiva”. “Este modo revanchista de actuar cos compañeiros e compañeiras vai na liña completamente oposta á de unir o partido para seguir fortalecendo o proxecto socialista na Galiza”, advertiu.

Comentarios