28-M

Finaliza o 28-M, estes son os resultados nas catro Deputacións galegas

Após a xornada electoral deste domingo, chega o momento de analizar a que será a cor das catro Deputacións galegas, institución cuxos representantes non son escollidos por sufraxio directo senón que se determinan polo número de concelleiros conseguidos por parte de cada formación política nos partidos xudiciais.
O pazo da Deputación de Pontevedra (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera O pazo da Deputación de Pontevedra (Foto: Deputación de Pontevedra).

Após a xornada electoral deste domingo, chega o momento de analizar a que será a cor das catro Deputacións galegas, institución cuxos representantes non son escollidos por sufraxio directo senón que se determinan polo número de concelleiros conseguidos por parte de cada formación política nos partidos xudiciais.

Deputación de Lugo e A Coruña

Nacionalistas e socialistas poderían reter a través do pacto, en principio e á espera de que se ratifiquen os resultados definitivos da cita coas urnas deste domingo, as Deputacións da Coruña e Lugo, aínda que nesta última as cifras estiveron axustadas e a institución chegou a estar en mans do PP durante uns minutos pasadas as 00 horas.

Finalmente, a Deputación que dirixiu José Tomé no último mandato parece que ten opcións de seguir en mans do bipartito, que presumibelmente podería repetir pola escasa marxe dun centenar de votos que serían mal contabilizados nunha mesa do municipio de Castro de Rei.

A presidenta do PP de Lugo e candidata na cidade da muralla, Elena Candia, que quedou ás portas en ambas as institucións, reivindicou a súa vitoria electoral e o apoio "máis alto" da Galiza, aínda sendo que dificilmente poderá tocar poder.

Deputación de Pontevedra

Si cambiará de mans a Deputación de Pontevedra, tras 8 anos de bipartito PSOE-BNG, que agora encabezaba a socialista Carmela Silva. Farao ao obter o PP tres representantes máis na institución, e facerse coa maioría absoluta de 14 deputados. Así o confirmou o presidente do PP de Pontevedra, Luis López, que sinalou que o seu partido logrou 414 concelleiros e 180.832 votos.

Isto é aínda conseguindo o BNG un representante máis xa que o PSdeG perde un total de catro representantes na Institución.

"Sempre dixen que era posíbel [recuperar a Deputación], que estaba ao alcance", proclamou López, e sinalou que ese escenario converteuse en realidade grazas a que os populares lograron un deputado máis polo partido xudicial de Vigo, outro polo de Pontevedra, e un a maiores polo partido xudicial de Tui.

A de Ourense, en mans de DO

O Partido Popular non logrou recuperar a maioría absoluta na Deputación de Ourense que perdeu hai catro anos, uns resultados que o presidente e líder dos populares ourensáns, Manuel Baltar, recoñeceu que "non son os esperados".

O 'barón' do PP, no foco durante esta campaña despois de ser sorprendido a 215 km/h en Zamora ao volante dun coche do parque móbil da Deputación de Ourense, compareceu ante os medios co escrutinio avanzado para confirmar que os populares non lograron o obxectivo de volver ter a maioría absoluta na institución.

Baltar comezou a súa intervención cunha felicitación "aos 876 concelleiros e concelleiras" que conseguiu o Partido Popular nos 92 concellos da circunscrición e agradeceu a participación, que destacou como "alta" nunhas eleccións nas que, segundo o presidente provincial, os populares lograron que "foi maior que no 2019 tanto en votos como en porcentaxe".

"Somos a forza política máis votada na Deputación", proclamou antes de recoñecer que, a falta de 4% para completar o escrutinio, o PP quedaba ao bordo dos 13 deputados que marcan a maioría.

Isto significa que será Democracia Ourensá (DO), o partido de Gonzalo Pérez Xácome, que, con seus tres deputados na institución despois de aumentar en dous o resultado de 2019, decida se volven ser os populares quen se fan co mando da Deputación Ourensá.

Comentarios