O PP dá por boas as explicacións de Baltar por conducir a 215 quilómetros por hora

Baltar gardou silencio durante o decorrer da sesión plenaria para debater a moción de urxencia presentada polo Grupo do PSOE, que foi rexeitada cos votos do PP e de Montse Lama (aínda que contou co apoio do BNG e de Democracia Ourensá).
José Manuel Baltar presidindo o pleno da Deputación de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera José Manuel Baltar, esta sexta feira, 28 de abril, presidindo o pleno da Deputación de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

O PP deu por resoltas as explicacións sobre a multa ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que foi ‘cazado’ na autovía A-52 a 215 km/h o pasado 23 de abril.

A sanción administrativa xa foi abonada, segundo indicou o dirixente, pero está citado para o próximo 9 de maio nun xulgado de Seabra para dilucidar as posíbeis responsabilidades penais pola condución acusado dun suposto delito contra a seguridade viaria.

Baltar gardou silencio durante o decorrer da sesión plenaria para debater a moción de urxencia presentada polo Grupo do PSOE, que foi rexeitada cos votos do PP e de Montse Lama (aínda que contou co apoio do BNG e de Democracia Ourensá).

Así, o dirixente popular limitouse a dirixir o pleno, mentres que o encargado de defender o líder popular, Plácido Álvarez, deu por boas as contestacións ofrecidas polo presidente da Deputación a semana pasada.

Mentres, a oposición tratou de cercar a Baltar situando no foco da súa intervención a multa a cuxo condutor non se identificou, a producida o 19 de setembro de 2019, na N-120 á altura de Monforte. "Non vai ser valente?", inquiriulle o deputado socialista José Ignacio Gómez a Baltar, que non respondeu ás ironías sobre que ía ao volante "o home invisíbel" ou que se trata do "coche fantástico", en palabras do nacionalista Bernardo Varela.

Ademais de advertir de que o feito de non identificar o condutor supón máis gasto para as arcas da Deputación, o político socialista, que lembrou que agora "non hai xefe do parque móbil" da Deputación, suxeriu que o que ía ao volante era o propio Baltar e pediu mirar na súa contorna para coñecer a orixe das informacións que transcenderon publicamente.

Na súa intervención, o portavoz socialista chegou a apelar aos deputados do PP para a que deixen de apoiar o seu líder e advertiulles de que, chegado o momento, el (por Baltar) si os porá "aos pés dos cabalos" como fixo con outros populares.

“Non cometan o erro”

"Non cometan o erro de sustentar os erros deste señor, apelo á súa responsabilidade; á del, non podemos apelar", chamou o deputado socialista, quen tamén avisou de que reclamaron ou reclamarán todos os rexistros, incluídos das cámaras de seguridade, para avisar de que non teñan a tentación de "borralo".

Comentarios