A Deputación de Pontevedra subvencionará a retirada de simboloxía franquista nos concellos

Abre unha liña de axudas de 100.000 euros para realizar obras de supresión de escudos, estatuas, mencións conmemorativas de exaltación ou realizar rehabilitacións afectados polas retiradas

franquismo
photo_camera franquismo

A Deputación de Pontevedra vén de abrir unha liña de axudas para retirar simboloxía franquista nos concellos da provincia. Trátase de achegas que forman parte ‘Subvencións para a Rehabilitación e Sinalización do Patrimonio Histórico Cultural’, e que contan cunha contía global de 100.000 euros, segundo se publica esta cuarta feira no Boletín Oficial da Provincia. 

As colaboracións económicas da Deputación para a eliminación da simboloxía franquista dos espazos públicos poderán destinarse a o obras de retirada de escudos, insignias e placas das rúas con nomes relacionados co franquismo; retirada de estatuas, mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva ou de calquera pegada de eloxio; ou a rehabilitacións e restauracións dos elementos dos bens inmobles de titularidade municipal directamente afectados coa retirada da simboloxía franquista

A deputada de Memoria Histórica María Ortega lembra que a retirada da simboloxía franquista é unha obriga legal que as administracións locais deben asumir, mais como nalgúns casos a falta de orzamento impide levar adiante as retiradas, “a Deputación pensa que incorporar esta liña nas subvencións é bo para que os concellos da provincia poidan entrar camiño de facilitar o cumprimento da normativa da Lei de Memoria vixente”. 

As axudas repartiranse cun importe fixo de cincuenta mil euros de modo lineal entre os concellos da provincia que decidan acollerse a elas.

A cantidade restante repartirase, en proporción ao 75 % da poboación e ao 25 % da superficie, con 10.000 euros para os 37 concellos de ata 10.000 habitantes; 20.000 euros para os 14 concellos de 10.001 a 20.000 habitantes; e outros 20.000 euros para os 8 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes.

Desde o ano 2016 a Deputación de Pontevedra conta cunhas liñas de subvencións dirixidas aos concellos da provincia para a rehabilitación do patrimonio e a sinalización do patrimonio histórico e cultural e a memoria histórica co obxectivo de darlle valor á riqueza patrimonial do noso territorio mediante a súa recuperación e mellora.

Comentarios