Entrevista

Xosé Manuel Baltar: "Todo acordo entre partidos é lexítimo, tamén os de Sánchez"

Preside a Deputación de Ourense desde 2012, sucedendo no cargo a seu pai, Xosé Luís Baltar, e completando un arco de mando do centro-dereita na institución provincial ininterrompido desde as primeiras eleccións municipais democráticas de 1979. Xosé Manuel Baltar (Ourense, 1967) confía en non repetir a situación de 2019, cando quedou dependendo dos votos de Democracia Ourensá.
Xosé Manuel Baltar cun cartaz recuperado da revista ‘Nós’, deseñado por Cándido Fernández Mazas. (Foto: Xan Carballa).
photo_camera Xosé Manuel Baltar cun cartaz recuperado da revista 'Nós', deseñado por Cándido Fernández Mazas. (Foto: Xan Carballa)

—O balance demográfico e económico de Ourense segue estando nunha situación complicada.
Esa análise pódese aplicar á maioría das provincias europeas. Teño a honra de presidir Partenalia, con sede en Bruxelas, unha organización que asocia as provincias europeas, e o reto demográfico está na axenda política de todas elas. Tamén é unha preocupación permanente da Unión Europea.

No noso caso, temos respostas contundentes, como o plan Emprendou, con achega económica comunitaria e que aposta por financiamento directo ás persoas de menos de 35 anos que queiran quedar no seu concello, e que a través do cooperativismo poidan levar adiante proxectos de vida.

Despois, procuramos dinámicas de apoio a sectores que consideramos que son un factor diferencial e temos no noso territorio, por exemplo no sector termal. Non hai un territorio de Europa que teña o potencial que temos en Ourense: 15 dos 93 concellos da provincia son Vilas Termais e este ano imos pór en marcha o noveno balneario do programa de termalismo social. Tamén traballamos en proxectos medio ambientais e do sector agroalimentario cunha estratexia a futuro ligada a novas apostas que teñen que ver coa formación profesional.

Abrimos o Centro Galego de Innovación para FP, que é de referencia para Galiza e o norte de Portugal. E, finalmente, facemos unha aposta decidida polo turismo que se está reflectindo no número de visitantes e iso vai ligado a una estratexia da Deputación.

E pensa que as nosas axudas por nacemento, nas que levamos anos, non as ten ningunha outra Deputación. As provincias non poden ser só circunscricións electorais e, no noso caso, temos que explotar a nosa condición transfronteiriza, porque somos a provincia de España que máis fronteira ten con outra nación (219 km) e aproveitamos todos os planos e procuramos acordos coas cámaras municipais portuguesas. Nada do que facemos ignora a perspectiva demográfica.

—Ourense ten unhas boas comunicacións por tren e estrada, o desenvolvemento industrial aínda é unha materia pendente?
Hai un discurso un pouco repetitivo que non ten en conta o dinamismo do parque tecnolóxico da Galiza, que é a concentración de I+D+i maior do noroeste peninsular ou a actividade do Parque de San Cibrao das Viñas, que é a área industrial maior da Galiza e na que traballan milleiros de persoas. A alta velocidade e converternos no territorio mellor conectado do país significa un antes e un despois.

Este 2023 imos implementar o Destino Turístico Intelixente que só tres deputacións en España conseguiron, e imos apostar polo turismo interior e o termal. Hai un Ourense que temos que dar a coñecer e que é capital da creatividade, tamén co maior festival de cine, con xa 28 edicións…. son moitas pezas dun crebacabezas que a Deputación, en cooperación con outras administracións, axuda a unir.

—Por certo, hai unha lei de coordinación das deputacións, recorrida polo PP, que aínda agarda despois de 35 anos o ditame do tribunal sobre a súa constitucionalidade.
Foi un momento histórico que non tiña en conta o desenvolvemento autonómico. Hoxe hai 17 comunidades autónomas e existen grazas ao impulso que se lle deu desde as Deputacións. Cumpriron 200 anos no pasado 2022, existen e son fortes e hainas noutros países.

Esa lei de coordinación só a hai na Galiza e non foi adiante porque ten unhas trabas coa estrutura xurídica do Estado tremendas. Isto ten que ver coa reivindicación que fago sempre de que os cargos provinciais sexan de elección directa, en urna, como se fai con outros órganos de representación política.

Aos presidentes das deputacións chámannos nas fases de elaboración dos orzamentos galegos para que falemos das liñas xerais dos orzamentos da Deputación do ano seguinte. O que fago é comparecer no Parlamento –outros presidentes non o fan– e falo xa cos orzamentos do seguinte anos aprobados. 

Somos a primeira Administración pública de España, e acaso de Europa, en telos aprobados no mes de setembro. Somos previsíbeis, temos débeda cero e podemos ser ambiciosos con proxectos como converter este pazo provincial nun grande hotel balneario que será referencia en Europa e que remataremos en 2026.

—Como analiza a singularidade de ser a Deputación de Ourense a única galega na que sempre detentou o poder o centro-dereita?
Ourense é a provincia máis galega do país. Na que se fala un galego máis fluído, coa taxa maior de galegofalantes, e fomos a primeira en publicar o Boletín Oficial en galego… Ourense foi o núcleo da Xeración Nós por non remontarnos ás Irmandades da Fala, coa xeración, recuperada a democracia, de proxectos galeguistas como Coalición Galega ou Centristas de Galicia. Todo isto fala dunha singularidade que non teñen outras provincias.

Esta institución ten a dedicación do seu presidente en exclusividade, mentres noutras deputacións están alcaldes ou a tenente de alcalde da cidade máis poboada da Galiza, repartindo o seu tempo en varias dedicacións. A capacidade da Deputación de Ourense vén dunha traxectoria histórica. A propia chegada de Fraga a Galiza respondeu á capacidade de Ourense de coligar forzas como Centristas de Galicia, que cando se unificou co PP, conseguiu que ese G de Galiza fose máis grande. E logrou que o regulamento defina o PP galego como unha “forza política galeguista”.

—A cidade de Ourense é decisiva e esta lexislatura foi, en materia de equilibrios políticos que tamén afectan á Deputación, caótica.
En 2019, tendo unha Alcaldía do PP, baixamos 4.000 votos nun mes desde as xerais ás municipais, e perdemos a maioría na Deputación no partido xudicial de Ourense, que engloba 37 concellos, por 800 votos.

—Nas candidaturas da capital para o vindeiro maio hai como un regreso ao pasado, con candidatos do PP e do PSOE que foron xa alcaldes e parecían ter abandonado a política.
Se o PP non chega a elixir Manuel Cabezas, o PSOE non presentaría a Francisco Rodríguez. Nós levamos o aval do mellor alcalde da historia da cidade, coas súas tres maiorías absolutas consecutivas e a transformación profunda da cidade. 

—Na competición de maio está tamén o BNG e o actual alcalde, Pérez Xácome, que se sae de moitas xeometrías posíbeis, como se viu neste período, e que tamén cuestionou nun momento dado a estabilidade súa na Presidencia da Deputación.
Eu teño que respectar Democracia Ourensá, como todas as forzas políticas legais, tal e como di a Constitución. E tamén porque os veciños votan e todo voto é lexítimo e non debe ser criticado. As persoas exercen libremente o seu voto e Democracia Ourensá é un actor político máis no mapa municipal e no provincial, porque teñen 2 deputados, o dobre que o BNG, que é unha forza con décadas de funcionamento e unha traxectoria abondo coñecida. Veremos que pasa, porque non me gusta a política ficción e as urnas ábrense a noite do 28 de maio. Haberá que respectar o que digan.

—Aínda que en Ourense non os afecta, que opina das hipóteses e a realidade xa nalgunhas institucións dos acordos políticos entre o PP e Vox?

Vox intentou ter representación en Ourense e non o conseguiu. Os seus votantes merecen tamén respecto. A política está para desatascar os problemas e escrébese con P de pacto. Cando se saiban os resultados e como se poden configurar maiorías, cada un terá que facer os seus números e chegar a acordos, o que non significa compartir o ideario doutras formacións.

Estou seguro de que Pedro Sánchez non comparte os idearios das forzas coas que pacta e saca temas adiante. Non hai que resgar as vestiduras nunha formación nin noutra. Hai que sentar, falar e gobernar a institución que corresponde. Non hai nada máis saudábel que facer que a democracia funcione e non haxa que colapsar en negociacións sen fin e repetir eleccións.

—Iso vale para todos e non é o que vemos no debate polarizado ao extremo en Madrid, con acusacións de traizón e continuas trompetas de apocalipse.
Vale para todos: cando sentan representantes elixidos democraticamente e acordan algo, hai que respectalo. Somos maiores de idade e presentámonos para buscar acordos e desatascar problemas. Se hai posibilidades de acordos, por que non se van facer?

—Na política galega hai poucas sagas familiares, pero aquí, en Ourense, o seu pai antecedeuno na Presidencia provincial. É outra singularidade de Ourense?
Non hai saga ningunha porque nunca compartimos escano en ningunha institución, e non vexo por que unha persoa á que lle gusta a acción política non vai poder exercela. Eu son funcionario da administración autonómica e podería estar realizando ese traballo, pero teño vontade e ganas de facer política e reto calquera a que supere a miña ilusión diaria de presentar iniciativas e defendelas con ímpeto. E se consigo o apoio dos meus cada vez que me presento, é tan respectábel como aqueles que son electos co 30, 40 ou 50% dos votos dos seus militantes. 

E se os resultados en todas as convocatorias electorais referendan unha traxectoria do meu partido en Ourense será que convencemos a xente de que somos a forza máis útil e as razóns da oposición erradas.

—En tempos foi vicepresidente do Parlamento galego. Remataron as súas ambicións fóra de Ourense?
Eu saltei da política autonómica á de Ourense. O meu compromiso é inquebrantábel e imprescritíbel. Estou en todo tipo de organismos, tamén na Executiva do meu partido en Madrid, e entre as dez persoas do PP na Federación de Municipios e Provincias.

Tamén en organismos europeos e presido Partenalia. Dedícome a iso e a constituír un partido na Galiza e en España máis forte. Nada me vai distraer do meu compromiso con Ourense.

Comentarios