O DEBATE

Teñen sentido as deputacións provinciais no século XXI?

O presidente da Deputación de Ourense e o vicepresidente da Deputación da Coruña debaten sobre o papel das deputacións provinciais.
Pleno da Deputación da Coruña (Foto: Deputación da Coruña)
photo_camera Pleno da Deputación da Coruña (Foto: Deputación da Coruña)

Unhas administracións absolutamente prescindíbeis

Xosé Regueira (BNG), Vicepresidente da Deputación da Coruña

Xosé Regueira
Xosé Regueira

Quede claro desde o principio que este que asina ten un alto respecto pola Administración provincial á que na actualidade representa como vicepresidente e na que ten desenvolvido o seu traballo político na oposición e no Goberno. E que ademais, acredita sinceramente en que a Deputación da Coruña é, agora mesmo, unha administración fundamental para o desenvolvemento das políticas dos concellos da provincia e das actividades do tecido social que traballa en calquera dos ámbitos que nos poidamos imaxinar.

Dito isto, semellaría que as deputacións teñen sentido no esqueleto administrativo do Estado das autonomías, e singularmente na Galiza, mais o mesmo que afirmo con total franqueza o anterior tamén entendo que a Administración provincial é absolutamente prescindíbel no modelo de Estado actual.

Se saímos á rúa, a calquera rúa na que nos atopemos lendo estas liñas, e preguntamos a calquera persoa que pase se sabe como, cando e onde se elixen as deputadas e deputados provinciais, estou seguro que case a totalidade das respostas manifestarían o total descoñecemento da sociedade sobre o que realmente é unha deputación. Non digamos xa se preguntamos sobre as súas funcións e o seu funcionamento, que para a maioría da cidadanía se reduce a saber que dá subvencións e que cobra impostos.

Cómpre tratar os concellos como administracións maduras

A Deputación da Coruña convive a poucos metros de distancia coa Delegación e Subdelegación do Goberno do Estado, o Concello da Coruña, e a escasos minutos do edificio administrativo da Xunta da Galiza na cidade. Nun Estado con eses tres niveis de Administración e cunha urxencia endémica de solucionar unha importante materia pendente para o normal funcionamento dos servizos que se deben prestar á cidadanía como é o financiamento local, é necesaria unha administración intermedia? A resposta é non.

Os niveis da Administración

Porque cando falamos de administracións falamos diso, dos servizos que se lle deben prestar á cidadanía, non de entes de poder ou contrapoder político. E as deputacións tampouco aí responden axeitadamente ao argumento básico das forzas que as defenden esgrimindo que están proritariamente para apoiar os concellos máis pequenos. A evolución da poboación demostra que o peso da representatividade nas deputación provinciais foi mudando e hoxe a maioría dos cargos políticos proveñen dos concellos máis urbanos e a partir de aí tamén vai mudando o concepto de prioridade.

A Deputación da Coruña, por exemplo, aínda tendo menos orzamento que o Concello da Coruña transfírelle cada ano a este varios millóns de euros; esa é a realidade. Gosto de contar a anécdota dun presidente que me respondeu nun pleno cun contundente “estou aquí para facer política para as persoas, non para ferrados de monte”, como se nos ferrados de rural dos concellos da provincia non viviran persoas; seguramente as que máis necesidades de servizos e apoio teñen.

É necesaria unha administración intermedia? A resposta é non

Cómpre pois tratar os concellos, as administracións máis próximas ás persoas, como o que son, administracións maduras, e mellorar o seu financiamento. O Plan Único da Deputación da Coruña manifestouse como un excelente modelo de financiamento municipal, transparente e sen discrecionalidade, baseado na autonomía local. Un instrumento que distribúe o orzamento que recibe a deputación dos ingresos do Estado e que este podería repartir directamente ou a través da Xunta de Galiza, sen unha administración interposta que consome parte del no seu aparato burocrático.


 

A vixencia e o futuro das deputacións

Manuel Baltar (PP), presidente da Deputación de Ourense 

Manuel Baltar
Manuel Baltar

Calquera persoa con experiencia no mundo local acredita no carácter básico das deputacións. Porque as provincias non son só circunscricións electorais. Para comezar a concretar o seu papel na configuración da arquitectura xurídica do Estado hai que examinar a propia Constitución, que fala de Estado autonómico e tamén do Estado provincial, ao sinalar que a Administración autónoma das provincias está encomendada ás deputacións e a outras corporacións provinciais. 

As competencias
Afondando, máis aló das competencias reguladas, queda o día a día das corporacións provinciais. A estreita relación cos concellos e o tecido asociativo conclúe que as cuestións que non son da competencia das deputacións provinciais son, na práctica, da súa incumbencia. En Ourense témolo moi claro e por iso, na reivindicación dos Gobernos provinciais como actores fundamentais dentro da cooperación territorial e a descentralización administrativa, fomos pioneiros na organización dunha conferencia de presidentes provinciais -2013- e na celebración, o ano pasado, do bicentenario destas institucións. 

A elección directa dos deputados será chave no futuro

A vixencia e potencia das deputacións ponse en valor co noso labor cotián. Os Gobernos provinciais son básicos, en España e tamén en Europa, como podemos percibir no traballo en rede a través de foros estratéxicos como a Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (Femp), a Presidencia de Partenalia ou a Vicepresidencia da Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios (Cepli). Entidades europeas, por certo, que recordan que os Gobernos provinciais doutros países teñen competencias máis sólidas -cuestión a reivindicar- e un rasgo fundamental: os seus representantes son elixidos directamente polos veciños. Este é un aspecto que eu levo moito tempo demandando como chave para reforzar a proximidade dos veciños con estas administracións

A elección directa

A elección directa dos deputados -que será realidade antes ou despois- será moi importante para o futuro das deputacións, xa que ante a veciñanza hai que xogar coas cartas boca arriba. De feito, o PP de Ourense traballa sobre ese futuro, presentándonos ás eleccións locais cun candidato a presidir a Deputación e cun Plan de Mandato, que para o 2023-2027 inclúe 100 medidas.

Entre estes novos proxectos sobresae a conversión do Pazo Provincial no Gran Hotel Balneario Auria, acción definitoria da capacidade transformadora sobre o territorio dos Gobernos provinciais, demostrada en Ourense ao longo destes douscentos anos a través da construción e xestión de hospitais, bibliotecas, teatros, centros culturais, espazos deportivos ou, máis recentemente, o Edificio Provincia intelixente e o Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros. 

A vixencia das deputacións ponse en valor co noso labor cotiáN

Se falamos de desconcentrar, de descentralizar, de aproximar a Administración pública ao veciño, non hai que inventar nada: xa están as deputacións. No ADN do Goberno provincial ourensán está a cooperación, a boa xestión económica -coa débeda cero e a aprobación dos orzamentos anuais antes que ningunha outra administración española-, a transparencia e, por suposto, a cultura. Ourense é o berce da Xeración Nós e do galeguismo, nunha corrente histórica que chega ao presente e conforma a propia estrutura da Deputación de Ourense, provincia que debe manter a súa propia identidade histórica e cultural, e tamén como potente alicerce cara ao futuro. 

Porque en definitiva, que sería de Galicia sen as sumas de identidade das súas cinco provincias: Ourense, Lugo, Pontevedra, A Coruña e os ourensáns do exterior? 

Comentarios