Feixoo pide a Sánchez unha lei para actuar na pandemia

O Palacio da Moncloa acolleu o encontro entre os presidentes galego e español, Alberto Núñez Feixoo e Pedro Sánchez, unha reunión que ficaba pendente de realizar desde a reelección do mandatario galego o pasado mes de xullo. O titular da Xunta aproveitou para instar Sánchez a apostar por unha lei de pandemias fronte ao estado de alarma e o recoller obrigatorio, nomenclaturas que non considera acaídas. +
O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, e o español, Pedro Sánchez, reunidos na Moncloa (Foto: M. Fernández / Europa Press)
photo_camera O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, e o español, Pedro Sánchez, reunidos na Moncloa (Foto: M. Fernández / Europa Press)

O estado de alarma é o instrumento legal "máis sólido" para combater o coronavirus, defendeu a Moncloa nunha nota difundida após a xuntanza que o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feixoo, mantivo co xefe do Executivo español, Pedro Sánchez, esta sexta feira, 29 de xaneiro.

Con todo, Feixoo, que compareceu en solitario após a reunión, asegurou que atopou Sánchez "receptivo" ante a proposta de dotar o Estado dunha lei sanitaria que permita aplicar restricións fronte a pandemia, con seguridade xurídica e sen ter que recorrer ao estado de alarma. 

A ese respecto, o presidente galego considerou que a pesar de que se logre inmunizar gran parte da poboación en 2021, seguirán producíndose gromos e, por iso reafirmou a importancia de pór en marcha unha norma "que ampare certas medidas".

O titular da Xunta xa enviou en 2020 unha proposta de lei de saúde a Sánchez con carácter estatal, mentres que na Galiza está previsto que o Parlamento debata en febreiro unha iniciativa polo PP co mesmo espírito.

Feixoo tamén instou Sánchez a mudar o estado de alarma para que os gobernos autonómicos poidan adiantar o recoller obrigatorio para antes das 22 horas, e mais para teren a posibilidade de confinar domiciliariamente a poboación en zonas concretas dos seus territorios.

Uso de máscaras FFP2

Como xa adiantara o mandatario galego esta semana,  propuxo regular a nivel estatal en que casos sería necesaria a utilización das máscaras FFP2, e pediu que haxa criterios homoxéneos á hora de recomendar o seu uso en certos ámbitos como o do transporte.

Este debate foi suscitado esta semana no Consello Interterritorial do Sistema de Saúde por varias comunidades.

Recepción de vacinas

En canto ao atraso na chegada de vacinas, Sánchez expresou a súa "confianza" na fortaleza das institucións europeas para conseguir un nivel óptimo na subministración e Feixoo emprazou a concretar un calendario de vacinación "para que os cidadáns saiban cales son os criterios de en que mes e en que orde van aplicar estas vacinas".

Ademais, Feixoo pediu que a repartición das doses atenda as porcentaxes de poboación por grupos de idade que cada territorio ten, polo que se Galiza conta con maior volume de maiores de 80 anos, a porcentaxe de vacinas a recibir cando toque inmunizar este grupo terá que ser maior que a de comunidades que teñen unha porcentaxe da terceira idade inferior. E ao revés, dixo, cando toque vacinar as persoas de menor idade. 

Así mesmo, o titular da Xunta solicitou do Estado a eliminación da taxa de reposición, polo menos na Sanidade, para poder cubrir a totalidade de postos de persoal que se xubila.

Financiamento

En canto aos fondos europeos de recuperación, Feixoo solicitou que o Estado faga a repartición seguindo “criterios homoxéneos” e estimou que a Galiza ten un déficit de 600 millóns de euros entre o que lle corresponde por número de poboación protexida e o que o Estado está a transferir con fondos como os React-EU.

Ademais expuxo a Sánchez os 108 proxectos que xa lle enviara en 2020 para candidatar Galiza aos fondos europeos Next Generation. Segundo comunicou Feixoo, Sánchez comprometeu que estes fondos se obterán por concorrencia competitiva.

Ave en 2021, AP-9 sen data

No segundo semestre deste ano estará en servizo o AVE a Galiza, segundo Sánchez dixo a Feixoo. En canto á Ap-9, fontes da Presidencia da Xunta confirmaron a Nós Diario que “non se falou de data” en que se aplicarán as bonificacións das peaxes desta autoestrada -comprometidas nos orzamentos do Estado-. Segundo Presidencia, isto “corresponde ao Goberno” e a Xunta o que pediu é que se faga canto antes, “comprendendo as dificultades que pode supor un real decreto”.

Pese a non haber data concreta, Sánchez prometeu que a baixada das peaxes será realidade, que se liberará o tramo Vigo-Redondela e que se fará a transferencia da autoestrada a Galiza, cuestión que esta semana se debate no Congreso. Feixoo tamén solicitou a transferencia das competencias de Costas e que en materia de herdanzas se eliminen os impostos na renda.

O presidente galego afondará nestes puntos nunha reunión co ministro José Luis Ábalos e tratará as cuestións industriais noutra coa ministra Teresa Ribera, aínda que xa aproveitou para pedir a Sánchez que as medidas de transición enerxética non prexudiquen empresas na como a pasteira Ence. Exixiu carga de traballo para Navantia, impulsar a venda inmediata de Alcoa e solucións para a crise industrial que azouta concellos como Meirama ou As Pontes. 

"Oportunidade perdida"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou que Feixoo "volva" da reunión "coas mans baleiras" e engadiu que "o único que trae é un novo atraso na data de chegada do AVE". A nacionalista considera que a xuntanza foi unha "oportunidade perdida de solicitar un confinamento  para frear a dramática evolución da pandemia". 

Antes de que acabase a reunión, Gonzalo Caballero, líder do PSdeG, pediu a Feixoo “deixar a confrontación” e non seguir “buscando a confusión” con “debates estériles” sobre as máscaras ou o recoller, e pediulle actuar fronte á pandemia.

Comentarios