Feixoo, coa ollada en Madrid, envía a Sánchez a reforma da lei sanitaria

O presidente galego aproveita o baleiro que deixa Pablo Casado e xoga o papel de líder da oposición do Estado.
Alberto Núñez Feixoo, após o Consello da Xunta que decorreu en San Caetano, Santiago (Foto: Arxina)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, após o Consello da Xunta que decorreu en San Caetano, Santiago (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, remitiu esta quinta feira, 8 de outubro, ao xefe do Executivo español, Pedro Sánchez, a súa proposta para reformar a lei orgánica de saúde pública do Estado. Feixoo consolida así a súa estratexia de situarse como referente e líder do PP español, aproveitando o cativo perfil de Pablo Casado e as horas baixas que este atravesa, acomplexado pola formación de Santiago Abascal (Vox) e refén da súa propia táctica, baseada en colocar Isabel Díaz Ayuso como modelo de xestión.

O mandatario galego toma a dianteira no Estado ao seu propio partido e a toda a oposición, consciente da inseguridade que produce na poboación e na empresa as restricións da mobilidade e os sobresaltos xudiciais. Así, o Consello da Xunta aprobou unha proposta para reformar a lei orgánica sanitaria estatal, de 1986, e Feixoo asinouna e enviouna a Pedro Sánchez. 

O obxectivo, recalcou o presidente da Xunta, é facilitar aos tribunais a validación das medidas que diten as comunidades autónomas e o propio Estado para facer fronte á pandemia e que restrinxan dereitos e liberdades individuais, como é a limitación de mobilidade e reunión. O contexto axuda, e é que Feixoo presentou a proposta na rolda posterior ao Consello da Xunta que decorreu poucos minutos despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSXM) levantase o feche de Madrid, alegando que as medidas do Ministerio afectan dereitos e liberdades fundamentais. 

Feixoo, recollendo un parágrafo da resolución do TSXM, sinalou que no Estado se carece  dunha lexislación suficiente para garantir que as medidas que ditan as Administracións poidan ser autorizadas sen estar en vigor o estado de alarma. "Non temos ferramentas adecuadas para xestionar unha pandemia e ficamos pendentes da interpretación de cada tribunal", exclamou o presidente. 

Preguntado polos medios, por se teme que en Ourense e Barbadás tamén poida haber unha resolución que tumbe o fechamento de ambos os concellos,  Feixoo sinalou que, de momento, o TSXG está autorizando as decisións da Xunta. A pesar de que as restricións para Ourense aínda están pendentes de seren autorizadas pola xustiza, Feixoo amosouse tranquilo ao térense aceptado as medidas que se estabeleceron na Mariña en xullo. 

A reforma da lei conta con dous bloques. No primeiro incorpórase "un catálogo de medidas que se poderían ditar de maneira inmediata" e o segundo explica os requisitos que se terían que cumprir desde as Administracións ao impor esas medidas, xa que afectarían dereitos e liberdades individuais, empresariais e económicos.

As normas que se contemplan na reforma van dirixidas a permitir ás Administracións o control das persoas que padezan enfermidades infecto-contaxiosas e a dar seguridade legal aos Gobernos para obrigalas a acudir aos servizos médicos. A normativa tamén procura garantir que se poida realizar o control de contactos. "Temos que ter a seguridade de que se someterán a control e probas", dixo Feixoo, así como a opción de poder regular as vacinas obrigatorias.

Así mesmo, comprende garantías legais para impor medidas de control de persoas enfermas e zonas afectadas como son a limitación da mobilidade, da circulación, do control de entradas e saídas de poboacións, da limitación de reunións privadas e de someterse a probas. 

Foro de reconstrución

O Consello da Xunta aprobou a conformación da comisión encargada de realizar os proxectos que Goberno galego deberá presentar ao Estado para poder optar ao reparto dos fondos Covid que España recibirá da Unión Europea (140 mil millóns de euros). A comisión estará presidida polo propio Feixoo e o director xeral do Igape e o de Orzamentos serán os dous "grandes coordinadores". A Xunta tamén decidiu realizar este mes o Foro de reconstrución da Galiza, un encontro en que se presentarán os eixos dos proxectos a empresas e profesionais, procurando a súa participación e a busca de socios financeiros e industriais. 

Ensino 

Logo das numerosas críticas de concellos e da comunidade educativa pola falta de persoal para dar cumprimento aos protocolos de limpeza nos centros, Feixoo anunciou que se contratarán 84 persoas a xornada completa e media xornada en 77 centros. A Galiza ronda os  1.500 centros. 

Comentarios