Bruxelas publica o contrato con AstraZeneca mais oculta detalles das facturas

A Comisión Europea publicou esta sexta feira o contrato que fechou con AstraZeneca en agosto de 2020 para a compra de até 400 millóns da súa vacina.

 
EuropaPress_3501067_02_january_2021_england_haywards_heath_doses_of_the_oxford
photo_camera Doses da vacina de AstraZeneca (Imaxe: Europa Press).

A Comisión Europea fixo público esta sexta feira, en pleno conflito polo atraso na distribución das doses da vacina, o contrato coa farmacéutica AstraZeneca asinado o 27 de agosto de 2020.

O documento contén partes borradas, de maneira que cuestións relevantes como o custo económico da compra, a cifra total das doses ou os termos da entrega non poden consultarse.

A Comisión Europea xustifica a ocultación dos parágrafos alegando que conteñen información confidencial.

A Axencia Europea do Medicamento ten que decidir se outorga o seu aval á vacina desenvolvida pola Universidade de Oxford co apoio de AstraZeneca.

De todas as maneiras, Alemaña xa recomendou ao seu persoal sanitario non administrala a maiores de 65 anos se finalmente recibe o aval do organismo europeo.

A UE tiña que recibir entre 80 e 120 millóns de doses durante o primeiro trimestre, mais AstraZeneca asegurou que como moito poderá facer chegar 39.

Unha cifra insuficiente, a ollos de Bruxelas, que ademais de reclamar parte da produción en plantas británicas, restrinxiu a exportación de doses da vacinas producidas no territorio da UE. De feito, no documento pode lerse que o laboratorio ten a obriga de facilitar as doses desde calquera planta, incluídas as británicas.

Comentarios