domingo 18/04/21

A pandemia será tema central na reunión que Feixoo e Sánchez manteñen hoxe

Núñez Feixoo e Pedro Sánchez reuniranse hoxe e, entre outros temas, falarán do reparto de vacinas e a posibilidade de adiantar a hora do recoller obrigatorio.

O titular da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, na reunión semanal do Consello do Goberno galego (Imaxe: Arxina)
O titular da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, na reunión semanal do Consello do Goberno galego (Imaxe: Arxina)

O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, e o seu homólogo español, Pedro Sánchez, reuniranse esta sexta feira 29 de xaneiro, e, entre outros temas, falarán do reparto de vacinas. Dado que a previsión é comezar nas seguintes semanas a inocular o seguinte grupo, maiores de 80 anos, Feixoo pedirá que o reparto das doses non sexa idéntico entre comunidades, senón que atenda a maior porcentaxe de poboación da terceira idade que ten "o noroeste" fronte ao "levante". 

Ademais, na reunión con Sánchez, Feixoo pedirá que o Goberno estatal permita ás comunidades adiantar a hora do recoller obrigatorio e instarao  a retomar as convocatorias da conferencia de presidentas e presidentes autonómicos. A última foi en outubro e tratou o reparto dos fondos de recuperación. Outra da cuestións que abordarán é a data de posta en servizo do AVE. Feixoo quere saber se Sánchez ratifica que se producirá este ano ou se haberá novos atrasos.

O titular da Xunta convidará Sánchez a regular o uso da máscara FFP2 para determinadas situacións e demandará estabelecer "criterios homoxéneos" para o reparto dos fondos europeos, pois estima que a Galiza ten un déficit de 600 millóns de euros entre o que lle corresponde por número de poboación protexida e o que o Estado está a transferir. "Isto tense que compensar nos seguintes repartos de fondos", pediu Feixoo.

Preocupación máxima nas UCI

Dos temas que Feixoo tratará con Sánchez informou o propio presidente galego, na quinta feira, 28 de xaneiro, ao rematar a reunión semanal do Consello da Xunta. Segundo comentou o mandatario galego, na xunta do Executivo a  preocupación máxima estivo nas unidades de coidados intensivos (UCI), que teñen unha ocupación de 25%. 

As áreas sanitarias que máis preocupan na Xunta son as de Ourense, A Coruña e Santiago. En segundo termo, Ferrol e Pontevedra, mentres que as de Lugo e Vigo están en risco medio-alto e non en alto, como as outras. Con todo, a Xunta non contempla polo de agora instalar hospitais de campaña. 

"A situación non é fácil", recoñeceu, asegurando que aumentaron 70% as camas UCI no Sergas e que "contratamos todo intensivista que puidemos e se hai algún por aí que teña interese en traballar no Sergas propóñolle que contacte con calquera hospital ou co Sergas", dixo o presidente preguntado sobre a situación destas unidades.

Feixoo recoñeceu ademais que se están a trasladar pacientes das UCI de Ferrol a Lugo pola saturación desas unidades na área sanitaria ferrolá. 

Sobre a información de que Portugal valora derivar pacientes do norte a Vigo, o mandatario asegurou non ter noticias, dado que esas cuestións se tratan entre Estados, dixo. 

Novo hospital da Coruña

O Consello da Xunta tamén deu o visto e prace ao convenio de colaboración co Concello da Coruña para executar o Novo Hospital da Coruña, que será “a maior obra hospitalaria que se levará a cabo na lexislatura”, destacou Feixoo, cun investimento máis de 431 millóns que permitirá dobrar a superficie construída.

Preguntado por se, ao igual que no Hospital de Vigo, concesionarán os servizos non clínicos ás empresas construtoras, o mandatario dixo que desta vez non acontecería, non por lle desagradar ese modelo, senón porque "agora pódese incorrer en déficit".

Empresas e deporte

Segundo informou o presidente, a Xunta destinará 8 millóns de euros a bonificar a compra  "de todo o solo industrial que ten o Goberno galego": 545 parcelas, cunha superficie de 1,4 millóns de metros cadrados, dispoñíbeis nos parques empresariais. Así pois, a empresa pública Xestur e o Instituto Galego da Vivenda e Solo sacarán á venda o próximo mes de febreiro a totalidade dos terreos que teñen dispoñíbeis nos seus polígonos industriais.

As beneficiarias serán empresas interesadas en asentarse na Galiza ou ben en ampliar as súas actuais instalacións, indicou o mandatario. 

O Consello da Xunta tamén deu luz verde aos convenios de colaboración que o Goberno galego, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, asinará coas respectivas federacións deportivas, ás que destinará 4,4 millóns de euros.

Así mesmo, ficou aprobado o  decreto que declara Ben de Interese Cultural (BIC) a igrexa de Santa María da Atalaia, no concello de Laxe. 

comentarios