O Parlamento reclama para Galiza a xestión dos fondos da UE

Os grupos instan á Xunta a que negocie co Goberno do Estado español esa transferencia dos investimentos.
Alberto Núñez Feixoo, con Francisco Conde, nun acto de presentación de proxectos Nect Generation (Foto: David Cabezón)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, con Francisco Conde, nun acto de presentación de proxectos. (Foto: David Cabezón)

O Parlamento galego acordou instar a Xunta a rexeitar a centralización dos fondos Next Generation e a pedir ao Goberno español a xestión directa destes fondos europeos de reactivación.

A proposta foi presentada polo BNG e saíu onte adiante no pleno ao contar cos votos a prol do PP (o PSdeG abstívose). Con todo, a iniciativa do Bloque incluía outros dous puntos que  non saíron avante pola oposición do PP e nos que se exixía a remisión ao Parlamento en tres días de toda a información referente a estes proxectos que optan a fondos da UE e que o presidente da Xunta asegurou xa en novembro telos enviado á Moncloa.

O PP négase a achegar os informes ao Parlamento alegando "confidencialidade" industrial, o que o BNG considera "opacidade" e eiva democrática.

A Cámara exixe corrixir o estatuto electrointensivo

Tamén houbo acordo no Parlamento galego para instar a Xunta a dirixirse ao Executivo estatal co obxectivo de que este corrixa o recentemente aprobado estatuto para as empresas electrointensivas, de forma que inclúa as alegacións realizadas polo sector e o Goberno galego para gañar competitividade fronte a países como Francia e Alemaña.

Este acordo saíu adiante tras unha proposta do PP transaccionada co Bloque. O PSdeG optou de novo pola abstención.

Entre outras cuestións, esta proposición non lei demanda completar as compensacións por CO2 até o máximo permitido pola UE, eliminar o imposto de xeración a 7%, analizar a posibilidade de modificar peaxes eléctricas para abaratar prezos, así como convocar poxas de interrumpibilidade mentres non se implementen os mecanismos que substitúen este sistema.

Tamén se require revisar a consideración de industria electrointensiva para recoller o carácter altamente dependente da enerxía do tecido galego.

Comentarios