Eleccións de Castela e León

Feixoo, presente no peche de campaña do PP en Castela e León xunto con Ayuso e Casado

O presidente da Xunta participará no acto final dunha campaña que comezou co PP na procura dunha maioría absoluta e que podería rematar cun goberno de esquerdas.
Mañueco e Feixoo durante un acto do PP. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mañueco e Feixoo durante un acto do PP. (Foto: Nós Diario)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, estará presente no acto de peche de campaña que o Partido Popular (PP) levará a cabo na Feira de Valladolid durante a sexta feira. O dirixente acompañará ao candidato 'popular', Alfonso Pérez Mañueco, á presidencia de Castela e León, no último acto eleitoral antes dos comicios deste domingo.

Xunto a Feixoo estarán o presidente estatal do PP, Pablo Casado; a presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso; e o presidente de Murcia, Fernando López Mirás.

A gran ausencia será a do presidente de Andalucía, Juanma Moreno. A xustificación vén dunha viaxe que Moreno vai levar a cabo a Dubái na vindeira semana, mais varios politólogos refírense ás últimas polémicas surxidas arredor do PP como o verdadeiro motivo.

O pasado 5 de febreiro, a Fiscalía denunciou o PP de Salamanca ante o Tribunal de Contas por presuntas irregularidades cometidas pola formación política durante o proceso de primarias que rematou con Mañueco como candidadto á presidencia de Castela e León. A presidenta de Madrid tamén centrou os focos da polémica, despois de definir como "erro" os presuntos abusos cometidos por membros da Igrexa española a menores durante máis de corenta anos.

Pola súa parte, Feixoo espertou as críticas dunha parte da cidadanía despois de participar nun acto de campaña en Zamora sen a máscara, cando aínda o Goberno non aprobará retirar a súa obrigatoriedade no exterior, e aínda que os demais dirixentes do PP si a levaban posta.

O Goberno, partícipe na campaña

O Partido Socialista (PSOE) desenvolverá o seu acto na Cúpula do Milenio, en Valladolid. Xunto ao candidato socialista, Luis Tudanca, estará o presidente do Goberno español e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez.

Sánchez participou nun total de catro actos durante esta campaña, na que os socialistas comezaron moi atrás, pero na que conseguiron recuperar pouco a pouco unha boa posición co paso das xornadas.

Varias ministras de Unidas Podemos (UP) tamén participarán no derradeiro acto de campaña do partido. En concreto, as ministras de Igualdade e Dereitos Sociais, e o ministro de Consumo, Alberto Garzón, acompañarán ao candidato de UP, Pablo Fernández,  no Polideportivo da Vitoria, tamén en Valladolid.

Ademais das ministras, no acto tamén estarán presentes o coordinador xeral de Alianza Verde, Juantxo López de Uralde; o dirixente de Esquerda Unida (EU) na autonomía, Juan Gascón, e a integrante nas listas de UP María Sánchez.

A Covid-19 lastra a C's

O candidato de Ciudadanos (C´s), Francisco Igea, e a presidenta estatal da formación política, Inés Arrimadas. A formación, que actualmente ocupa a vicepresidencia, intentará nestes comicios manter, cando menos, grupo propio, xa que as enquisas outórganlle entre 0 e 5 procuradores.

Á situación convulsa de Ciudadanos despois do intento frustrado de moción de censura en Murcia, hai que sumarlle que o candidato da formación política non piudo participar na metade da camapaña eleitoral debido a estar confinado pola Covid-19. Igea só puido participar en actos públicos desde o 5 de febreiro.

A extrema dereita, coa vista posta nas eleccións

O candidato ultradereitista Juan García-Gallardo dará un último mitín eleitoral acompañado do líder de Vox, Santiago Abascal. García-Gallardo foi escollido a dedo pola dirección da formación política, e a súa carta de presentación foi a recompilación de varios chíos en Twitter con comentarios racistas, homófobos e misóxinos.

Abascal foi o líder estatal que participou nun maior número de actos, e o día das eleccións tamén acompañará ao candidato de extrema dereita á presidencia.

Comentarios