Abusos sexuais no seo da Igrexa española

Feixoo critica a comisión do Congreso para investigar abusos sexuais por incluír só a Igrexa

O presidente do Goberno galego é o último representante político do Partido Popular en posicionarse en contra da creación dunha comisión de investigación sobre os denuncias de abusos sexuais a menores vencelladas con membros da Igrexa española.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nunha rolda de prensa. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nunha rolda de prensa. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, sumouse á postura contraria do PP estatal no referente á creación dunha comisión de investigación que traballe para esclarecer os casos de abusos sexuais denunciados no seo da Igrexa española.

O popular afirmou se debe investigar "calquera tipo de abuso, afecte a quen afecte", mais matizou que non entende porque esta comisión só se cinxirá aos casos vencellados con bispos e cregos españois. "Facer só unha comisión de investigación para unha organización seméllame bastante incompleto", declarou o presidente.

Feixoo tamén saiu na defensa dos bispos españois, despois de que o cura de Momán, no concello de Xermade, chamase "terroristas" a aqueles relixiosos que decidiron obviar estes abusos, aínda téndoos en coñecemento.

Non en tanto, o presidente da Xunta opinou que "non é de recibo que un membro da Igrexa chame terroristas aos bispos", e afirmou que "se ten algunha información" debe denunciala.

 Oposición de PP e Vox

As palabras de Feixoo seguen o discurso marcado pola dirección estatal do Partido Popular con respecto a este tema. Antes de que se vote no Congreso a creación desta comisión de investigación, o PP presentou un escrito ante a Mesa do Congreso para pedir que que se ampliasen estas investigacións aos abusos de menores na Administración, algo que a maioría da Mesa non aprobou.

O vicesecretario de Comunicación do Partido Popular, Pablo Montesinos, manifestou que a formación política non estaba a favor desta medida porque "non lle compete" as Cortes españolas. Segundo Montesinos, as investigacións deben facerse "no marco xudicial".

Ao "non" do PP á creación desta comisisón de investigación, sumouse tamén a postura contraria a ultradereita de Vox. O seu voceiro no Congreso, Iván Espinosa de los Monteros, chegou a definir de "aberración" esta comisión, "digan o que digan os servizos xurídicos" do Congreso.

Comentarios