Vox exixe medidas ao Goberno estatal contra unha campaña que promove o uso do galego

A extrema dereita política e social arremeteu de novo contra o galego, e acusou a Xunta de estar a levar a cabo un "adoutrinamento nacionalista" da mocidade galega.
O líder de extrema dereita Santiago Abascal, nun acto en Ourense (Foto: Rosa Veiga/Europa Press)
photo_camera O líder de extrema dereita Santiago Abascal, nun acto en Ourense (Foto: Rosa Veiga/Europa Press)

A formación de extrema dereita Vox volve atacar o emprego e protección do galego por parte das institucións. Neste caso, o partido españolista anunciou que vén de presentar unha serie de preguntas no Congreso por unha campaña da Xunta para fomentar o uso do galego.

'21 días co galego', que así se chama a campaña, pretende impulsar a nosa lingua no ámbito estudantil e na xente nova da Galiza.

Porén, para Vox "cuestiona o uso do español por parte da xente nova e lles anima a falar en galego". Os ultradereitistas afirman que a campaña desleixa o castelán porque "felicita aos que falan galego de xeito cotián e en cambio pide reflexión aos demais.

Entre as preguntas da formación xenófoba e racista, cuestionan ao Goberno español se "ten previsto abrir unha investigación?" por esta campaña, xa que asegura que debe facelo "para evitar que se vulneren os dereitos constitucionais dos alumnos galegos cuxa lingua materna é o español".

Denuncia de 'Hablemos Español'

Vox non foi o único en protestar contra a campaña. A asociación ´Hablemos Español', moi vencellada coa extrema dereita española e habitual neste tipo de situacións, denunciou que '21 días co galego' pretende que a xente nova renuncie ao castelán e se convirtan en "neofalantes".

A asociación anunciou na segunda feira que trasladou unha quixa a Coordinadora de Dereitos da Infancia da Unión Europea (UE) e aos eurodeputados do Estado español, xa que considera o proxecto do Goberno galego como "un deleznábel proxecto de enxeñaría social basado en técnicas de modificación de conduta" e "contrario á Convención dos Dereitos da Crianza".

Pese a situación actual do galego no noso país, 'Hablemos Español' acusa á Xunta de estar a promover unha "substistución lingüística, práctica totalmente denostábel por ser moralmente inaceptábel".

O colectivo tamén afirma que o Goberno galego está a levar a cabo un "adoutrinamento nacionalista" a través de prácticas "con trasfondo xenófobo.

Comentarios