PP e Vox non obterían maioría absoluta nas elección de Castela e León, segundo o CIS

A sondaxe do CIS é a única que mostra o PSOE como gañador destes comicios.
O vicepresidente de Castela e León, Francisco Igea (Cs) aplaude o presidente, Fernando Mañueco (PP). Foto: Claudia Alba / Europa Press
photo_camera O vicepresidente de Castela e León, Francisco Igea (Cs) aplaude o presidente, Fernando Mañueco (PP). Foto: Claudia Alba / Europa Press

A última enquisa publicada nesta segunda feira polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) con respecto aos comicios que decorrerán o vindeiro 13 de febreiro en Castela e León, mostran o Partido Socialista (PSOE) como gañador das eleccións, e nin o Partido Popular (PP) nin Vox sumarían procuradores suficientes para obter a maioría absoluta.

Neste sondeo, os socialistas manteríanse como a lista máis votada con 30,1% dos votos, aínda que perderían entre un e seis procuradores en relación ás eleccións da autonomía en 2019, cando obtiveron 35. Só o CIS mantén o PSOE como lista máis votada nestes comicios, algo que foi moi criticado desde o Partido Popular.

PP e Vox ocuparían a segunda e terceira posición respectivamente. Os populares, que levan a gobernar Castela e León durante máis de 30 anos,  recibirían 29,7% dos votos, e entre 24 e 30 procuradores. No caso de Vox, a extrema dereita entraría por primeira vez no Parlamento leonés, con 11% dos votos e 8 ou 9 procuradores.

A pesar da irrupción da formación ultradereitista, a enquisa do CIS mostra que nin sequera na opción máis favorábel para PP e Vox (30 e 9 procuradores) poderían chegar ambos partidos á maioría absoluta da cámara, cifrada nos 41 procuradores. Outras enquisas si lles dan esta maioría absoluta, aínda que todas coinciden en que esa posíbel maioría está cada vez máis no aire.

C's baixa, Podemos manténse 

Ciudadanos (C's), que actualmente ocupa a vicepresidencia de Castela e León e que obtivo 12 procuradores en 2019, podería chegar a manter grupo propio, mais perdería entre sete e dez procuradores (quedaría con 2 ou 5), e 7,6% dos votos.

Pola súa parte, Podemos manteríase nuns resultados semellantes aos de 2019 ou melloraría os dous procuradores obtidos neses comicios. Coa enquisa do CIS na man, a formación recibiría 7,2% dos votos, moi cerca de C's, e entre dous e catro procuradores.

O resto do Parlamento leonés quedaría completado por Unión do Pobo Leonés (UPL), que obtería 4,6% dos votos e dous ou tres procuradores; Soria Xa, cunha estimación de votos de 1,9% e dous ou tres procuradores; e Por Ávila, con 1,2% dos votos e un ou dous escanos.

Comentarios