Feixoo, sen máscara, de campaña electoral por Zamora

O presidente da Xunta e lider dos populares galegos participa esta fin de semana na campaña electoral de Castela León. Nun dos paseos para falar coa veciñanza, Feixoo optou por non levar tapabocas.
Alberto Núñez Feixoo polas rúas de Zamora este sábado (PP da Galiza).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo polas rúas de Zamora este sábado (PP da Galiza).

O uso obrigatorio da máscara en exteriores, vixente desde o pasado 23 de decembro, podería suprimirse diante os actuais datos epidemiolóxicos a vindeira terza feira se así o considera o Consello de Ministras e Ministros que se reunirá ese día.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, adiantouse varias xornadas a esta decisión do Goberno español e este sábado apareceu nalgunhas imaxes sen tapabocas, falando con xente, mentres participaba nun paseo polas rúas de Zamora como parte da campaña electoral do PP en Castela León.

Feixoo, apostaba hai uns días por  "relaxar" o uso da máscara en exterior, coincidindo coa votación na Cámara Baixa sobre a continuidade desta medida de control sanitario diante a pandemia por Covid-19.

Aseguraba diante os medios de comunicación que era unha medida prevista para o Nadal "ante aglomeracións, compras masivas, espectáculos públicos, interaccións sociais, iso debería empezar a decaer e, na miña opinión e do comité clínico (que asesora) ao Sergas, poderiamos empezar a relaxala, sendo absolutamente estrito en interiores".

Mitin en Zamora

O líder dos populares galegos tamén participou nun mitin de apoio ao candidato do PP, Alfonso Fernández  Mañueco.

No acto afirmou que “só hai dúas opcións o próximo 13 de febreiro: a do PP, cun Goberno de maiorías, un líder coñecido, un programa publicado e un balance contrastado; ou un Executivo que sería a réplica do que hai hoxe en España, cunha mestura de socialismo, populismo e partidos minoritarios que non teñen en conta os intereses xerais”.

Comentarios