A Fegamp advirte de que periga a axuda a domicilio

O responsábel da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, trasladou a súa preocupación polo déficit dos concellos galegos e volveu a reclamar que a Xunta negocie o seu financiamento. Comunicouno despois de manter unha reunión co delegado do Goberno, José Miñóns, que reivindicou o apoio estatal aos municipios.
Alberto Varela (á esquerda) e José Miñóns (á dereita) despois da reunión. (Foto: Delegación do Gobernos español na Galiza)..
photo_camera Alberto Varela (á esquerda) e José Miñóns (á dereita) despois da reunión. (Foto: Delegación do Gobernos español na Galiza)..

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, reiterou a súa petición á Xunta de que sente a negociar o financiamento dos concellos, especialmente as contías do fondo de cooperación local. Así mesmo, denunciou que este organismo está a asumir "competencias impropias", que pertencen a outras Administracións, "principalmente" á galega. 

Tras unha reunión mantida onte co delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, para tratar os investimentos do estatais nos concellos galegos en 2023, Varela asegurou que as arcas municipais teñen “un déficit duns 600 millóns". A preocupación para os concellos, segundo o responsábel da Fegamp, é a axuda a domicilio.

"Temos moito medo polo futuro deste servizo se non aclaramos como se vai seguir financiando e se non vemos un compromiso claro de todas as Administracións", aclarou. 

Neste sentido, o presidente da federación municipalista cualificou de "fundamental" para os municipios o aumento "dun 15%" na participación dos ingresos do Estado español durante os últimos dous anos con "fondos incondicionados". En canto á Xunta, denunciou que o investimento non se incrementou. "Seguimos recibindo o mesmo, non tivo en conta as necesidades dos concellos galegos", criticou. 

Chegar aos 313 concellos da Galiza

O delegado do Goberno español, pola súa parte, sinalou que "por primeira vez” o Estado chega aos 313 concellos da Galiza con liñas de actuación concretas. "Dos 2.900 beneficiarios que tiveron até o de agora as convocatorias de axudas, practicamente un terzo son para entidades locais", puntualizou.

José Miñóns salientou tamén o que considerou como "unha cifra récord" de transferencias directas do Executivo estatal á Xunta da Galiza cun importe de case "9.400 millóns de euros", así como no caso dos concellos con 22.335 millóns de euros.

Para o delegado estatal, os "investimentos, programas e servizos" ofertados reflicten o "compromiso" do Goberno español co municipalismo. "Debemos ser optimistas en 2023 con todas as oportunidades e posibilidades que se van a abrir para este ano con fondos de cada unha das liñas de financiamento", concluiu.

Comentarios